A Xunta aposta por unha mobilidade sustentable avanzando no vehículo eléctrico e o uso do hidróxeno e os biocombustibles

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou en Vigo na apertura dun foro organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal)

Apunta que o Inega seguirá promovendo, fomentando e liderando unha transición enerxética ordenada e planificada, e que sexa xusta para todos

Lembra que a mobilidade xoga un papel esencial na Axenda Enerxética de Galicia 2030, e sinala que a Administración galega busca achegar á cidadanía as ferramentas necesarias para facilitar esa transición

Vigo, 3 de maio de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou en Vigo na apertura do V Foro de Mobilidade Sustentable, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), onde sinalou a aposta da Administración autonómica pola neutralidade tecnolóxica, apuntando que cómpre apostar polo vehículo eléctrico sen esquecer outras tecnoloxías como os biocombustibles ou os derivados do hidróxeno verde.

Na súa intervención, Fernández Vila fixo fincapé en que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) seguirá promovendo, fomentando e liderando unha transición enerxética ordenada e planificada, e que sexa xusta para todos. Neste sentido, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou que a Xunta conta cunha folla de ruta, a Axenda Enerxética de Galicia 2030, na que a mobilidade xoga un papel esencial, pola importancia que o sector ten na emisión de gases efecto invernadoiro como consecuencia, en moitos casos, do emprego de combustibles fósiles.

Un dos sete eixes fundamentais que configuran a Axenda Enerxética é o da mobilidade sustentable, con accións como o fomento do uso de fontes de enerxía renovable no transporte, a renovación do propio parque móbil da administración, o fomento do vehículo eléctrico ou a promoción da mobilidade eficiente e sustentable.

Fernández Vila fixo fincapé en que desde a Administración galega, ademais de establecer medidas lexislativas e estratexias que contribúen ao proceso de transición, tamén se deben poñer ao dispor da cidadanía as ferramentas necesarias para facilitar esa transición.

Neste sentido, cóntase con programas como o Moves III, que incentivan o paso á mobilidade ecolóxica, e onde se inclúen axudas para a instalación de puntos de recarga que poden chegar ao 80 % do custo subvencionable. Tamén se activou este ano o Plan Renova o teu vehículo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/05/2024