A Xunta destina 7 M€ a impulsar proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética no sector industrial da provincia da Coruña

Rueda resalta que se financian co Fondo de Transición Xusta, destinado ás zonas máis afectadas pola descarbonización como é o caso da provincia coruñesa tras o peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama

O obxectivo é contribuír a creación ou mantemento de 150 postos de traballo, mobilizar 15 M€ e acadar unha redución na emisión de gases de efecto invernadoiro equivalente á plantar 165.000 árbores

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai destinar 7 millóns de euros “a impulsar proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña”. Os apoios, que se financian co Fondo de Transición Xusta, permitirán un aforro enerxético anual superior a 3.100 MWh e unha redución na emisión de gases de efecto invernadoiro de 3.300 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a plantar 165.000 árbores. 

Estas axudas favorecerán a mobilización de 15,5 millóns de euros e contribuirán á creación ou mantemento de máis de 150 postos de traballo. Neste sentido, priorizarase a creación de emprego nos concellos máis afectados polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama (Cerceda), con especial apoio á xeración de postos de traballo para colectivos de interese. 

Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45 % do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45 % ou do 55 % en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada.

Con estas axudas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono, e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible.  

Rueda destacou que esta nova liña de axudas está enmarcada nos “111 millóns de euros asignados a Galicia no Fondo de Transición Xusta” para promover diferentes iniciativas que axuden a recuperar a economía da provincia da Coruña, afectada principalmente polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama. 

É dicir, estas axudas que se enmarcan na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2024