A Xunta avanza nos trámites para poder construír unha base de unidade operativa de incendios en Lobios

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo esta semana unha reunión coa alcaldesa do concello ourensán de Lobios, María del Carmen Yáñez, para afondar na colaboración con este municipio en materia de prevención de incendios forestais.

 

Nesta xuntanza, a titular do Medio Rural e a alcaldesa abordaron algunhas cuestións relacionadas coa negociación da cesión de espazos e terreos por parte do Concello co fin de construír unha Base de Unidade Operativa para a loita contra os incendios en Lobios. María José Gómez puxo de relevo este tipo de instalacións, que exercen como punto de encontro do persoal das brigadas forestais, co fin de que poidan conciliar traballo e descanso.

 

Cómpre lembrar que, en virtude do Plan de prevención do Goberno galego, tamén se fomentará o pastoreo en zonas estratéxicas para previr os incendios. A iniciativa apoiarase en dúas liñas coas que se xestionarán 5.000 hectáreas a través do gando en extensivo como alternativa á maquinaria. Por un lado, cun piloto de rabaños públicos -propiedade da Xunta- para o control da biomasa na contorna de aldeas da comarca do Xurés. E polo outro, cunha convocatoria de axudas para o pastoreo en extensivo, que plasma o compromiso da Xunta con esta actividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2024