A conselleira do Medio Rural e o seu homólogo de Emprego, Comercio e Emigración participaron neste foro, que se desenvolve hoxe e mañá na localidade lucense

A Xunta pon en valor no Encontro Económico de Sober o pulo do rural galego como eido clave na creación de riqueza e emprego dentro da nosa comunidade

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou a remuda xeracional, o apoio á industria agroalimentaria e a mobilización de terras como retos de futuro para o agro en xeral e para o sector leiteiro en particular

O titular de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo de relevo a estratexia do seu departamento para consolidar negocios e emprego de calidade no rural, contribuíndo -ao tempo- a fixar poboación

Sober (Lugo), 9 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron hoxe no Encontro de Sober, un foro económico centrado no rural galego que se desenvolve ao longo desta xornada e da de mañá nesta localidade lucense.

 

A titular de Medio Rural participou na inauguración do evento e posteriormente na mesa redonda “Sen corazón non hai corpo: o sector lácteo en Galicia”. Neste contexto, María José Gómez salientou os retos de futuro deste eido produtivo estratéxico en particular e do agro galego en xeral. Así, referiuse á necesidade de seguir impulsando a remuda xeracional e fomentando o traballo da industria agroalimentaria, como o vén facendo a Xunta a través de iniciativas como as axudas para a realización de investimentos produtivos nas explotacións e para a incorporación de mozos. En relación con estas últimas, a conselleira lembrou que case 5.000 mozos recibiron apoio da Xunta para acompañalos no seu proxecto empresarial. Moitos deles, incidiu, no sector leiteiro. Ademais, fixo fincapé na importancia da formación e capacitación da xente máis nova que se incorpora nas explotacións, algo ao que o Goberno galego tamén presta especial atención.

 

Canto ao reto de potenciar a transformación e a comercialización dos produtos agrícolas, María José Gómez puxo en valor as axudas da Consellería, que permitiron apoiar máis de 550 proxectos desde 2016, e que teñen continuidade este ano cunha nova achega de 30 millóns de euros.

 

Mobilizar e ordenar a terra agraria

Outra das metas que se marcou a conselleira foi a de continuar afondando na dotación de terreo aos produtores, co obxectivo de mobilizar e ordenar máis terra, así como de axilizar aquela que estea en proceso de concentración parcelaria. Nesta liña, a conselleira subliñou que arestora son xa arredor de 35.000 as hectáreas que están a ser recuperadas a través das parcelarias e os instrumentos de mobilización da Lei de recuperación da terra agraria, e que a previsión sitúase no horizonte das 65.000 hectáreas, para continuar sumando superficie. E vinculou estes labores coas producións de calidade que, dixo, son as que posúen un valor engadido que, máis tarde, proverá dun rendemento e un beneficio directo para cos agricultores, gandeiros e silvicultores.

 

Nesta liña, a titular de Medio Rural destacou que o sector primario galego supón, en cifras, máis de 5.300 millóns de euros, máis dun 8 % do Produto Interior Bruto e por riba dos 91.200 postos de traballo, o que representa case un 8 % de todo o emprego de Galicia.

 

Sobre o sector leiteiro en concreto, puxo de relevo que Galicia lidera o sector en España, producindo arredor do 42 % do total nacional e transformando na nosa comunidade máis do 63 % do produto. Neste sentido, indicou que a Xunta mantén un diálogo constante con todo o sector para defender a necesidade dunha estabilidade dos prezos, que garanta aos gandeiros cubrir ou seus custos de produción e obter unha marxe de beneficio. Tamén puxo en valor a formación continua dos produtores, a través de iniciativas como os cursos “Gandeiros 20-30”, dos que xa se celebraron este ano unha decena de edicións con arredor de vinte participantes en cada unha delas, ou o labor que desenvolven os seis centros de formación e experimentación agroforestal adscritos á Consellería.

 

Emprego de calidade no rural

Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, que interveu co relatorio Emprego no rural galego: retos e oportunidades, puxo de relevo a estratexia do seu departamento para consolidar negocios e emprego de calidade no rural, contribuíndo -ao tempo- a fixar poboación. Nese senso, apelou á colaboración público-privada e ao proceso de escoita activa cos axentes sociais como imprescindibles para acadar un mercado laboral aberto, accesible e sen fronteiras, consolidando datos como os que reflicten que o sector primario foi no que máis caeu o paro no mes de abril en comparación co mes anterior.

 

Así mesmo, referiuse á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta xa con 13 centros activos con especial incidencia no rural e que ten atendido arredor de 1.800 iniciativas empresariais nos case dous anos que leva activa. Por sectores, segundo dixo, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e das actividades de comercio. No marco desta Rede, vénse de habilitar unha web -salientou- con microguías de emprendemento para orientar sobre tipos de negocio para poñer en marcha, incluída a transmisión de empresas que vaian pechar para garantir a súa continuidade.

Para que a dinamización do rural sexa posible, o conselleiro apelou tamén á importancia do tecido comercial, que a Xunta apoia de xeito decidido con accións como a 5ª campaña Bono Activa Comercio que vén de rematar. Unha campaña que permitiu ao sector mobilizar 12 millóns en vendas en toda Galicia e que se reeditará en outono, ao tempo que se traballa noutras medidas de impulso.

 

González tamén falou da importancia de captar talento entre os galegos residentes no exterior e os estranxeiros interesados en establecerse na nosa Comunidade. Nese senso, destacou que arredor do 20 % das persoas que se achegaron ata a Rede de polos proceden de fóra de Galicia, xa sexan retornadas, descendentes de galegos ou oriúndas doutros países sen vinculación directa coa nosa terra. Entre as razóns que os moven a vir á nosa Comunidade, destacan, por esta orde: buscar unha mellor calidade de vida, volver ás súas orixes ou o gusto pola nosa Comunidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2024