A Xunta e o Clúster de Solucións Ambientais Viratec analizan vías de colaboración no eido da innovación e a divulgación na loita contra o cambio climático

O Executivo galego e a entidade coinciden na necesidade de coordinar a posta en coñecemento das solucións ambientais, servizos tecnolóxicos ou medidas a prol da economía circular dispoñibles en Galicia

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2024

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, mantivo esta semana un encontro con representantes do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular Viratec no que avaliaron distintas vías de colaboración. Entre elas as relacionadas coa divulgación ambiental, a participación en foros de innovación sobre solucións ambientais ou o desenvolvemento de actuacións de xestión da loita contra o cambio climático, con encaixe en diferentes iniciativas a desenvolver no marco da Alianza Galega polo Clima.

 

A representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e os responsables de Viratec coincidiron na importancia de coordinar a posta en coñecemento das innovacións dispoñibles, os servizos máis destacados no ámbito tecnolóxico, as solucións ambientais, as medidas a prol da economía circular e a loita contra o cambio climático existentes en Galicia.

 

Neste sentido, a directora xeral puxo en valor a Alianza Galega polo Clima -que conta xa con arredor de 120 entidades adheridas entre universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas- pois contribúe a conectar o tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2024