A Consellería de Sanidade nomea a José Santiago Camba Bouzas xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, está especializado en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía

Foi secretario xeral de Emigración da Xunta, ocupou consellerías en diferentes embaixadas e na actualidade exercía como coordinador cirúrxico e traumatólogo no Hospital do Barco de Valdeorras

Substitúe no cargo a Félix Rubial Bernárdez

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2024

A Consellería de Sanidade vén de nomear a José Santiago Camba Bouzas novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Substitúe no cargo a Félix Rubial Bernárdez.

Nado en 1960, Camba Bouzas é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e está especializado en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. Conta con praza como médico de Urxencias e tamén do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica e cun diploma en Alta Xestión Hospitalaria da Escola Galega de Administración Sanitaria.

Foi director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia entre os anos 1990 e 1995 e vicepresidente da Deputación provincial de Ourense entre 1995 e 2001, cargo que compatibilizou coa Vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias. Entre 2000 e 2001 foi director provincial do Servizo Galego de Saúde en Ourense e, entre 2009 e 2012 foi secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Ocupou postos de responsabilidade nas Embaixadas de España en Brasil,Venezuela, Argentina, Colombia e República Dominicana.

Na actualidade viña exercendo como coordinador cirúrxico e trumatólogo no Hospital do Barco de Valdeorras.

José Santiago Camba Bouzas é coautor de máis de 20 estudos de Medicina, Cirurxía, Ortopedia e Seguridade Social en publicacións científicas e revistas especializadas nacionais e estranxeiras.

No día de hoxe a Consellería de Sanidade tamén nomeou a Fernanda López Crecente como xerente da área sanitaria de Ferrol, posto ocupado ata o de agora por Ángel Facio, que pasa a ocupar a Xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2024