A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza con representantes do Clúster Saúde de Galicia

A Xunta e o Clúster Saúde de Galicia proseguen no labor de impulsar a transferencia entre as empresas do sector

Ambas entidades asinaron un convenio de colaboración a principios deste ano para impulsar a cadea de valor do sector biotecnolóxico sanitario

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro coa directiva do Clúster Saúde de Galicia con quen abordou, entre outro asuntos, o labor conxunto que a Xunta vén realizando con esta entidade para impulsar a transferencia de coñecemento entre as empresas do sector.

Xunta e Clúster Saúde de Galicia asinaron un convenio a principios deste ano que contempla a realización de diversas actuacións para potenciar a innovación e a transferencia de coñecemento entre as empresas do ámbito biotecnolóxico sanitario e demais entidades vinculadas, como universidades, centros tecnolóxicos, startups, etc. O obxectivo é ampliar os servizos que o clúster presta ao conxunto do ecosistema biotech en Galicia en materia de innovación, para mellorar o posicionamento internacional da Comunidade como biorrexión.

O texto prevé, entre outros, a prestación de servizos innovadores para financiar actuacións de demostración, especialmente entre pemes e investigadores, e a validación de produtos nos living labs de Galicia. En definitiva, reforzar o papel do Clúster Saúde de Galicia na dinamización e seguimento do subsector biotecnolóxico aplicado á saúde, para o cal o convenio contempla a realización de diversas campañas de comunicación e difusión das capacidades do ecosistema, así como das oportunidades de transferencia e colaboración entre os seus axentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024