Xunta e Concello de Mos abordan o proxecto de ampliación do parque empresarial Louredo

O novo polígono contará cunha superficie de preto de 480.000 metros cadrados nos concellos de Mos e Redondela

A ampliación dos parques empresariais enmárcase na política do Goberno galego de atraer empresas coa finalidade de potenciar a actividade económica e a creación de emprego de calidade

Mos (Pontevedra), 22 de maio de 2024

A Consellería de Economía e Industria e o Concello de Mos mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para abordar o proxecto de ampliación do parque empresarial Louredo. Un encontro ao que asistiron a directora de Estratexia industrial e solo empresarial, Margarita Ardao e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con técnicos de ambas administracións.

A Xunta adxudicou en novembro do 2023 a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a creación deste parque empresarial situado entre os concellos de Mos e Redondela.

O contrato para a elaboración do plan, autorizado polo consello de administración da empresa pública Xestur, pretende ordenar unha superficie de preto de 480.000 metros cadrados en terreos destes concellos pontevedreses para poñela á disposición do tecido empresarial.

A ampliación dos parques empresariais enmárcase no obxectivo do Goberno galego de rematar esta lexislatura con oito millóns de metros cadrados de solo industrial. Unha medida que xunto á do solo público empresarial de titularidade autonómica a custe cero durante os primeiros oito anos de actividade facilitará a atracción de empresas coa finalidade de potenciar a actividade económica e a creación de emprego de calidade, toda vez que o sector industrial é un potente factor de innovación e competitividade e un área crucial para o proceso de transición ecolóxica e dixital.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2024