A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Outeiro de Rei avanzan no proxecto para construír unha nova EDAR no municipio

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia e o Concello de Outeiro de Rei seguen avanzando no proxecto para construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) no municipio para mellorar o servizo que se presta á veciñanza.

Así, nunha reunión que mantiveron hoxe, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comunicoulle ao alcalde da localidade, José Prado, que está previsto que Augas de Galicia adxudique nas vindeiras semanas o contrato para o servizo de redacción do proxecto construtivo da nova EDAR, cun orzamento inicial estimado de máis de 240.000 euros.

Cómpre indicar que ese contrato inclúe tamén a mellora dos colectores xerais co obxectivo de dar solución ao problema das infiltracións de augas limpas na rede de saneamento municipal.

Segundo subliñou Ángeles Vázquez, a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/08/2024