A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, reuníronse con representantes de Mulleres en Igualdade
A Xunta destina 2,3 millóns de euros no impulso de programas de promoción da igualdade de 86 entidades sociais galegas
Trátase de dúas liñas de axudas: Plan Corresponsables e a orde de axudas a entidades que traballan na atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade
A entidade Mulleres en Igualdade recibiron neste ano preto de 50.000 euros ao abeiro destas axudas
Vigo, 7 de agosto de 2024
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo esta mañá unha reunión coa entidade Mulleres en Igualdade de Vigo para coñecer os seus proxectos e estudar melloras nas liñas de colaboración. O Goberno galego destina este ano 2,3 millóns de euros no impulso de programas de promoción da igualdade de 86 entidades sociais galegas.
Trátase de dúas liñas de axudas: Plan Corresponsables e a orde de axudas a entidades que traballan na atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Neste ano 2024, entre estas dúas liñas destináronse preto de 50.000 euros para financiar os seus programas de conciliación e iniciativas dirixidas ás mulleres en situación de vulnerabilidade nesta cidade. A directora xeral destacou que estas axudas permiten que o tecido social desempeñe a súa importante labor e favorezan a integración das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.
Así mesmo, María Quintiana lembrou que a Xunta impulsa a creación de redes de sororidade entre mulleres para fomentar asociacionismo feminino. A Consellería de Política Social e Igualdade conta con dúas liñas de axuda por valor de 300.000 euros. Unha delas está destinada á consolidación do movemento asociativo e a outra a apoiar accións de promoción da igualdade, prevención da violencia de xénero e de acompañamento ás vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e mulleres en situación de vulnerabilidade.