Lara Meneses destaca o campamento da Illa de San Simón como unha “oportunidade cultural”

A directora xeral de Xuventude visita as instalacións onde a mocidade está a desenvolver actividades que teñen que ver coa arte, a historia e o medio ambiente

Redondela (Pontevedra), 8 de agosto de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe os 30 mozos e mozas, de 13 a 16 anos, que están a gozar estes días das diferentes actividades do campamento cultural A Illa das historias, organizado pola Xunta de Galicia na Illa de San Simón e que forma parte da campaña O teu mellor verán.

Así, durante unha semana, que finalizará o vindeiro sábado, os participantes están a desenvolver propostas de educación ambiental, arte, cultura e historia aproveitando a singularidade deste enclave natural da ría de Vigo. Neste senso, teñen a oportunidade de tomar parte en actividades náuticas, obradoiros para o coñecemento da tradición marítimo-pesqueira local, talleres artístico-literarios ou de desfrutar de tempo de lecer na praia e con distintos xogos.

Tendo en conta estas propostas, a representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a variedade de opcións que oferta o Goberno galego para a mocidade na época estival, con campamentos e campos de voluntariado que aproveitan os recursos naturais que se estenden por toda a Comunidade. Ademais, lembrou que o programa tamén ten un carácter educativo e cultural, “organizando accións que xiran ao redor da historia do territorio, contribuíndo á adquisición de coñecemento dunha maneira entretida e divertida”.

Dentro da súa programación de verán para a xuventude, a Xunta ofertou no que se refire á modalidade de campamentos en instalacións da provincia de Pontevedra un total de 1.965 prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2024