A Xunta impulsará este ano a visibilidade e crecemento da economía social co primeiro portal estatístico de Galicia centrado neste sector

Grazas ao convenio asinado entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emmigración e a Universidade de Santiago, esta ferramenta web proporcionará información continua e actualizada sobre os produtores de mercado da economía social galega

O acordo inclúe a compilación de datos de todas as familias da economía social, como as cooperativas e sociedades laborais, por ámbito xeográfico e períodos temporais, e o deseño e posta en marcha da web coas estatísticas

Do portal Galestat poderán beneficiarse as administracións públicas, empresas, persoal investigador e o resto da sociedade, facilitando a avaliación das achegas dos actores deste sector ao territorio

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024

A Xunta impulsará este ano a visibilidade e crecemento da economía social co primeiro portal estatístico de Galicia centrado neste sector. Será en virtude do convenio asinado entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Universidade de Santiago de Compostela e que se materializará a través do Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop). O obxectivo é que o novo portal Galestat proporcione información continua e actualizada sobre os produtores de mercado da economía social na nosa Comunidade.

Esta ferramenta tamén permitirá avaliar as contribucións da economía social á consecución dos grandes obxectivos sociais e económicos pois con ela poderanse elaborar análises comparativas intertemporais, interrexionais e internacionais sobre as empresas e entidades da economía social. Dela poderán beneficiarse as administracións públicas, as empresas, as entidades de economía social, o persoal investigador e o resto da sociedade, para o que se lanzará unha páxina web con todas as estatísticas recompiladas.

Deste xeito, o Goberno galego busca dar un pulo á visibilización da economía social, que representa máis do 7% do PIB galego, como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade e que contribúe a fixar poboación no territorio. Neste sector encádrase o cooperativismo, que destaca por facturar o ano pasado en Galicia case 3.000 millóns de euros, representando un 4,5% do PIB galego. Ademais, 21 cooperativas galegas están entre as 600 máis relevantes do Estado.

A creación de Galestat

Para a posta en marcha, desenvolvemento e metodoloxía de Galestat mantense unha colaboración permanente con outros portais estatísticos como o Ciriec-España, Ciriecstat e o valenciano Valestat. Neste sentido, a colaboración entre a Xunta e a USC para lanzar este portal inclúe a elaboración de táboas iniciais, unha delas con datos como o número de entidades relacionadas coa economía social, tipoloxías e cifra de traballadoras e traballadores, entre outros.

Tamén se deseñarán táboas con información relacionada coa localización das entidades, entre elas cooperativas e sociedades laborais, desagregando a información por ámbito xeográfico. Ademais, realizarase un apartado con datos destas entidades por períodos temporais.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina a esta acción 10.000 euros e forma parte da comisión de seguimento mixta creada ao abeiro da colaboración coa USC, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2024.

Trátase dunha actuación que concorda coa Estratexia Galega de Economía Social – Horizonte 2027, desenvolvida pola Xunta para unha maior visibilización do sector con accións de innovación, entre outros fins. Este ámbito é un dos principais eixos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun orzamento neste ano de máis de 43,6 millóns de euros, un 3% máis que no exercicio anterior.

Data de actualización: 12/08/2024