A Xunta pon en valor o programa Investigo co que se promove este ano a contratación de 152 menores de 30 anos desempregados en actividades de I+D+i

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou esta mañá en Vilagarcía a empresa Sedix Ingeniería Técnica en Informática, beneficiaria dunha axuda superior aos 165.000 euros para contratar un total de cinco persoas

Cun importe global de 4,8 millóns de euros, estas achegas van dirixidas a empresas cualificadas como iniciativas de base tecnolóxica e a outras do sector privado que traballen en investigación e innovación

Desde que en 2022 se convocou o programa Investigo por vez primeira, mobilizáronse máis de 27 millóns de euros ao abeiro da iniciativa, conseguindo impulsar preto dun milleiro de contratacións

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 12 de agosto de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou esta mañá en Vilagarcía de Arousa a empresa Sedix Ingeniería Técnica en Informática, unha das empresas beneficiarias do programa Investigo que promove este ano en Galicia a contratación de 152 persoas desempregadas menores de 30 anos en actividades de I+D+i. Delas, cinco traballan neste centro arousán, grazas a unha axuda autonómica superior aos 165.000 euros.

Trátase da terceira convocatoria deste plan da Xunta que busca xerar emprego xuvenil no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Neste 2024, destínanse en concreto 4,8 millóns de euros a apoiar a contratación de menores de 30 anos sen traballo en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, así como en calquera outra pertencente ao sector privado, radicadas en Galicia e que desenvolvan actividades no eido do I+D+i.

Cómpre engadir que desde que en 2022 se convocou a iniciativa por vez primeira, mobilizáronse máis de 27 millóns de euros ao abeiro deste plan, conseguindo promover un total de 812 contratacións, incluídas as 152 deste ano.

A prol do emprego xuvenil

O programa Investigo enmárcase nas medidas da Xunta a prol do emprego xuvenil, entre as que se inclúe o novo programa de 1ª experiencia profesional que cun orzamento próximo aos 4,2 millóns de euros incentiva a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens coa previsión de incorporar entre 250 e 410 persoas en toda a Comunidade.

Así, con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada estase a apoiar a empregabilidade da mocidade mediante contratos formativos de doce meses de duración, dotándoa de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2024