O Servizo Galego de Saúde supera as 5.000 operacións cos robots da Vinci

En tres anos foron realizadas 5.216 intervencións mediante o sistema de cirurxía robotizada, destacando o servizo de uroloxía

A instalación dos robots da Vinci levouse a cabo no ano 2021 nas sete áreas sanitarias, iniciando de xeito simultáneo as intervencións urolóxicas

En total, o investimento da Xunta para a instalación, mantemento e funcionamento dos equipos supera os 56 millóns de euros

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2024

O Servizo Galego de Saúde acadou, con datos a 2 de xullo, a cifra de 5.216 intervencións cos robots da Vinci despois de tres anos da súa implantación.

Os robots da Vinci foron instalados en xullo do 2021 para a cobertura de diversos servizos como a cirurxía torácica, a cirurxía xeral e dixestiva, xinecoloxía, otorrinolaringoloxía, uroloxía e cirurxía pediátrica. As especialidades con maior número de operacións foron uroloxía (cun total de 2.305), seguida do servizo de cirurxía xeral e dixestiva (con 1.994). En canto ao resto de especialidades, o servizo de xinecoloxía realizou 475 intervencións; cirurxía torácica, 345; otorrinolaringoloxía 96 e cirurxía pediátrica, 1.

A peche do primeiro semestre de 2024, a área sanitaria de Vigo realizou 1.377 intervencións, sendo a que suma o maior número de cirurxías robotizadas co Da Vinci neste período. Séguea a área da Coruña e Cee, chegando a 891 intervencións; a de Ferrol con 830; a de Santiago de Compostela e Barbanza con 736; a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos con 603; a de Pontevedra e O Salnés con 425 e a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras con 345.

Este equipamento tecnolóxico supuxo un investimento de máis de 56 millóns de euros e cubre dende o inicio da súa actividade as sete áreas sanitarias galegas, iniciando a súas funcións no servizo de uroloxía de xeito simultáneo e estendéndose máis tarde ás áreas de cirurxía xeral e dixestiva e de xinecoloxía.

Cirurxía robótica na sanidade pública galega

As intervencións robotizadas presentan unha gran vantaxe con respecto ás cirurxías tradicionais, ofrecendo unha maior precisión, unha mellora no acceso a zonas complexas e unha mellor visualización grazas á visión 3D reconstrutiva. Estas virtudes aportan maior seguridade e calidade intra e postoperatoria, permitindo unha recuperación máis rápida dos doentes.

Tamén os profesionais e os centros hospitalarios son beneficiados xa que diminúen o número de transfusións e complicacións durante a intervención, mellora o rendemento dos quirófanos e redúcense os tempos de estadía media, o que se traduce nunha menor ocupación de camas dispoñibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2024