O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse cos alcaldes de Valga e Moraña, José María Bello e José Luis Gómez respectivamente

A Xunta de Galicia avanza na súa colaboración cos concellos de Valga e Moraña para garantir a xeración de emprego e riqueza

No encontro tamén estiveron presentes o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo González, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado

Tratáronse cuestións como os obradoiros de emprego que se lles veñen de adxudicar no eido forestal e da construción ou o programa Aprol Rural que permitiu contratar neses municipios media ducia de persoas para a prevención de incendios forestais

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, vén de manter un encontro cos alcaldes de Valga e Moraña, José María Bello e José Luis Gómez respectivamente, co gallo de avanzar na colaboración entre a Xunta e estes dous concellos pontevedreses. Nese senso, abordáronse ferramentas como os obradoiros de emprego ou o programa Aprol Rural.

No primeiro caso, cabe destacar o apoio da Xunta de Galicia ao obradoiro dual Ulla-Umia compartido entre os concellos de Valga, Moraña e Portas e que vén de recibir unha axuda de preto de 412.000 euros no marco da convocatoria deste ano. Unha acción cunha vintena de persoas participantes que recibirán formación ao tempo que desempeñan un traballo remunerado e que se centrará en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e, por outra banda, en traballos de carpintaría e moble, aplicacións de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble e mecanizado de madeira e derivados.

A maiores, vénselle de conceder a estes mesmos tres concellos o obradoiro de emprego para menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil Xóvenes Moraña Portas Valga I, cunha achega próxima aos 439.000 euros. Centrado en traballos forestais e albanelería, redundará -ao tempo que se incide na formación e capacitación das 16 persoas participantes- na mellora das infraestruturas e servizos locais.

Aprol Rural

No encontro tratáronse outras vías de colaboración entre Xunta e os concellos de Valga e Moraña para avanzar na xeración de emprego, como o programa Aprol Rural que -cunha achega autonómica total próxima aos 97.000 euros- permitiu a contratación este ano de media ducia de persoas neses municipios co gallo de levar a cabo tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais nas faixas secundarias. En concreto, tres persoas en cada unha das localidades están a realizar traballos de planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.

A maiores, cómpre engadir outros apoios como o orientador laboral subvencionado no Concello de Valga tras a solicitude do consistorio, para atender e incrementar as oportunidades profesionais das persoas desempregadas desa contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2024