A conselleira María Martínez Allegue visita a 42º Edición da Escola de Verán, en Ponteceso, centrada na educación viaria
Allegue destacou que a iniciativa contribúe a formar ás persoas mozas en hábitos saudables, de respecto e de posta en valor das contornas
A conselleira subliñou o compromiso da Xunta á hora de “inculcar entre os nosos rapaces unha verdadeira cultura da seguridade viaria”
A Xunta, na súa aposta pola mobilidade segura e sostible, está a executar unha senda na estrada AC-424 ao paso polo Couto, cun investimento de 357.000€
O Goberno galego tamén avanza na redacción do proxecto para habilitar dous novos treitos de senda nesta mesma vía no municipio de Ponteceso
Ponteceso (A Coruña), 26 de agosto de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe Ponteceso con motivo da 42ª Edición da Escola de Verán, que ten lugar durante todo agosto nesta Aldea do Couto.
Allegue enmarcou a iniciativa, na que este ano participarán máis de 350 nenos de entre 3 e 16 anos, no propósito de “artellar apoios á conciliación das familias”, obxectivo común entre a Xunta e o conxunto das administracións.
O obxectivo desta Escola de Verán é achegar, nun contexto lúdico, formación ás persoas mozas en hábitos saudables, de respecto, de posta en valor das contornas e, no eido que compete á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas; en materia de educación viaria.
Por outra banda, segundo destacou a conselleira, estas actividades “devolven o latexo a esta aldea que no verán se revitaliza coa presenza de cativos”, que “se integran nesta contorna con respecto e impacto positivo”. Tamén aproveitou a oportunidade para felicitar á Fundación Eduardo Pondal, coa que a Xunta cofinancia a iniciativa, polo éxito desta convocatoria; na que ambas institucións tratan de “inculcar entre os nosos nenos unha verdadeira cultura da seguridade viaria”.
A Escola de Verán dispón, grazas a esta colaboración, de materiais audiovisuais, conferencias orientadas a rapaces e as súas familias, guías e as seguintes accións: unha ruta ciclo-turística pola contorna, contacontos, obradoiros de arte, reciclaxe, psicomotricidade e deportivos; un circuíto de triciclos, patíns e bicicletas; roteiros e actuacións teatrais.
A conselleira subliñou a importancia de fomentar entre os máis novos os hábitos e condutas seguras e “crear actitudes de responsabilidade e respecto cara elas”. Ademais, fixo fincapé en que “a formación desde idades temperás é fundamental”.
Cómpre lembrar que estas actividades coinciden coa execución por parte da Xunta das obras dunha senda na estrada AC-424 no Couto, onde ten lugar o campamento. Os traballos deste itinerario que dá continuidade ao existente xa se atopan nun grado de execución avanzado.
O obxectivo desta intervención, que supón un investimento de 357.000 euros, é construír algo máis de 600 metros de itinerario, a ambos lados da estrada de Ponteceso a Corme. Dotarase á zona dun itinerario peonil seguro e continuo ata O Couto, que discorra en paralelo ao eixo da estrada e cunha anchura de arredor de 1,50 metros, salvo zonas puntuais na parte urbana.
Ademais a Xunta está a traballar na redacción do proxecto para habilitar dous novos treitos de senda nesta estrada AC-424. Trátase de construír dous treitos de senda peonil, que continuarán o itinerario en execución no Couto. O primeiro tramo proxectado conectará esta senda co final do paseo de Ponteceso; e o segundo irá desde Corme Aldea ata Corme.
A Xunta ten a vista posta en reforzar a seguridade dos peóns, polo que ao finalizar os traballos a velocidade de circulación nesa travesía limitarase aos 40 km/hora, reforzando ademais a sinalización no treito.
Dende as administracións públicas tamén se dá un paso máis a favor da mobilidade sustentable, coa senda da AC-424, exemplo do compromiso da Xunta coa seguridade de peóns, ciclistas e demais usuarios vulnerables das nosas estradas.