A Xunta lanza unha nova convocatoria do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino
O Goberno galego destina 5 millóns de euros, a maior contía da historia, a catro liñas de axudas de entre 3.000 e 42.000 euros que poden solicitarse dende mañá
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino. Este plan consta de catro liñas de achegas de entre 3.000 e 42.000 euros, cofinanciadas pola Unión Europea, ás que a Xunta de Galicia destina en total cinco millóns de euros: a maior contía da historia. As solicitudes poden presentarse dende mañá e durante un mes de prazo.
O obxectivo do programa Emega é promover o apoderamento económico e social das mulleres, incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e eliminar as discriminacións por sexo. Neste sentido, a Liña Emprende ofrece incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
A Liña Activa busca, pola súa banda, favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. Está dirixida a paliar unha situación económica adversa, acadando o necesario equilibrio empresarial ao mesmo tempo que se mantén o emprego e se consolida e mellora o proxecto.
Entre tanto, a Liña ITEF impulsa as iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable. E, finalmente, a Liña Concilia é unha axuda complementaria ás outras tres para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral tanto das emprendedoras como das traballadoras por conta allea.
Poden beneficiarse das axudas do Plan Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa entre o 1 de agosto do ano pasado e a data de peche desta convocatoria. Os requisitos específicos de cada unha das liñas poden consultarse na orde.