O Plan De Patrocinio dos Equipos de Alta Competición da Xunta acada o seu maior orzamento rexistrado, con preto de 3,8 millóns de euros

A Fundación Deporte Galego vén de abrir a segunda fase que contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros e 126 equipos convidados

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2024

A  Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar o anuncio da segunda fase do Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia da tempada 2023/2024.

Esta segunda fase contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros (1.251.140 euros) para convidar a 126 equipos que cumpren cos requisitos do Plan e que xa recibiron a notificación por parte da Fundación Deporte Galego -48 femininos, 67 masculinos e 11 mixtos de 12 modalidades e 18 especiaidades deportivas diferentes. Cómpre lembrar que a primeira fase do Plan contou cun orzamento de preto de 2,6 millóns de euros (2.596.660 euros) e 125 equipos beneficiados -66 femininos, 56 masculinos e tres mixtos-de 13 modalidades e 17 especiaidades deportivas diferentes, polo que a contía global do Plan acada preto de 3,8 millóns de euros, o que supón o maior orzamento rexistrado.

Dende a tempada 2021/2022 o plan adáptase ao calendario de competición dos equipos galegos con dúas fases, en troques de obedecer ao exercicio anual. Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para esta tempada 2023/2024, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego. O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.

En total, desde o primeiro ano do Plan -2009/2010- os equipos de alta competición de Galicia recibiron máis de 40 millóns de euros, sumando a contía total do Plan 2023/2024.  Cómpre destacar, ademais, que o Plan de Patrocinio Publicitario para Equipos Femininos encara a súa cuarta edición, unido estreitamente á Campaña NON contra a violencia de xénero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2024