A Xunta apoia na comarca de Santiago a contratación de 45 desempregados para a prevención de incendios a través do programa Aprol Rural e 32 perceptores da Risga
A delegada da Xunta informou que, nesta área, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investirá máis de 1,1 millón de euros en ambos programas
A Xunta financia o 100% dos contratos que terán que estar vinculados á silvicultura, xestión de biomasa e valorización forestal ou planificación preventiva e as tarefas no concello do programa da Risga
Trazo (A Coruña), 4 de setembro de 2024
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, visitou o Concello para anunciar que a Xunta financia na comarca de Santiago, con máis de 738.000 euros, a contratación de 45 persoas desempregadas, en 23 concellos, para que poidan levar a cabo tarefas de prevención de incendios como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, limpeza de montes e xestión de biomasa. Concretamente, no municipio de Trazo apoia a contratación de 3 persoas con máis de 48.000 euros. As achegas dan cobertura aos custos salariais totais das persoas incorporadas.
Aprol Rural, vai dirixido a que concellos rurais, ben de maneira individual ou conxunta. A efectos de seren beneficiarios, esta orde considera concellos rurais todos os galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.
Risga
A delegada tamén informou que 8 concellos desta comarca contan con 32 persoas en risco de exclusión social perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) grazas a un investimento de máis de 425.000 euros.
As axudas diríxense a entidades locais galegas e comprenden achegas para sufragar os custos salariais, incluída a cotización á Seguridade Social. Como condición, as persoas contratadas -mulleres e homes en situación ou risco de exclusión social- deberán estar inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia e ser perceptoras da Risga. Terán preferencia os homes e mulleres que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as traballadoras con cargas familiares.
O obxectivo da iniciativa é proporcionar aos beneficiarios a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral a través dun contrato de 9 meses de duración.
A actuación busca impulsar o emprego local e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, así como a integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.
Belén do Campo explicou que “a finalidades destas convocatorias é proporcionar aos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo a experiencia e práctica profesional que precisan”. Con medidas como estas, a Xunta persegue mellorar a empregabilidade dos participantes e colaborar coas entidades locais na integración laboral de persoas desocupadas, co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.