María José Gómez destaca a aposta por converter Galicia nunha referencia en produción hortícola de calidade no marco da XLII Feira da Cebola de Sanxenxo
A conselleira do Medio Rural recordou que o Plan estratéxico da horta se basea na sustentabilidade, a diversidade, a innovación, a profesionalidade e o respecto polo medio ambiente
Sobre esta celebración gastronómica, puxo en valor a súa ampla tradición e o feito de que enxalza “un alimento básico da nosa dieta, presente na maior parte dos nosos pratos e das nosas guarnicións, con infinidade de posibilidades para preparala”
Sanxenxo (Pontevedra), 4 de setembro de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a aposta da Xunta pola produción hortícola galega, “caracterizada pola súa calidade”, no marco da XLII Feira da Cebola de Sanxenxo. Así, Gómez puxo en valor o Plan Estratéxico da Horta, que definiu como “unha folla de ruta ata 2030 que nos axudará a converter Galicia nun referente da produción hortícola de calidade”.
Nesta festa, na que estivo acompañada polo alcalde da localidade, Telmo Martín, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a conselleira sinalou que esta estratexia sectorial representa unha aposta pola sustentabilidade, a diversidade, a innovación, a profesionalidade e o respecto polo medio ambiente. Todo isto, salientou, é fundamental para poder ofrecer produtos frescos, saudables e de quilómetro cero, “como son as cebolas que podemos degustar hoxe nesta celebración”, remarcou.
En relación con esta cuadraxésimo segunda edición da Feira da Cebola, a conselleira valorou a ampla tradición dunha festa que enxalza “un alimento básico da nosa dieta, presente na maior parte dos nosos pratos e das nosas guarnicións, con infinidade de posibilidades para preparala”. Neste contexto subliñou tamén que o esforzo e o traballo dos produtores da contorna de Sanxenxo.
A titular de Medio Rural puxo de relevo a importancia da planificación estratéxica para seguir xerando valor económico e emprego no rural galego, co fin de que “as persoas que viven nel tamén poidan vivir del, un dos principais obxectivos da Consellería”. Nesta liña, Gómez fixo mención tamén ao resto de estratexias sectoriais postas en marcha nos últimos anos pola Xunta, como son as do viño, a carne, o leite ou o Plan Forestal. Todas elas, incidiu a conselleira, teñen un obxectivo común, que é o de “acadar un medio rural con futuro”.
Remuda xeracional
Neste mesmo sentido, lembrou que unha das metas da Consellería é traballar na necesaria remuda xeracional no sector primario, para o que, entre outras ferramentas, destaca o futuro Plan de remuda xeracional, amplo e cunha perspectiva transversal, baseado na formación, a sensibilización e a incorporación ao agro. Así, porase o foco na formación práctica e o acompañamento das persoas que se incorporan e revalorizarase e darase visibilidade a esta saída laboral “tan válida e digna como calquera outra”, salientou Gómez.