Diego Calvo destaca o compromiso da Xunta co deporte da loita a través do apoio a grandes eventos e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu ao Campionato Mundial de Loitas Olímpicas Sub-20 que se celebra estes días en Pontevedra co apoio do Goberno galego
Pontevedra, 6 de setembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiu esta mañá ao Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas Sub-20 que se celebra estes días en Pontevedra co apoio da Xunta. O conselleiro tivo ocasión de saudar os deportistas Alessandro Iemma e Moisés Bello, que xunto con Candela Castro e Gonzalo Caparrós conforman a representación galega nas competicións.
Diego Calvo destacou o compromiso da Xunta co deporte da loita a través do apoio a grandes eventos, como os campionatos europeos e mundiais celebrados nos últimos anos en distintas cidades. Neste sentido, agradeceu o traballo da Federación Galega de Loita e da Federación Española de Luchas Olímpicas por situar Pontevedra e Galicia unha vez máis como referente desta disciplina.
Así, lembrou que a comunidade galega é a rexión de Europa onde se organizaron máis campionatos europeos e mundiais. “Trátase de potenciar o deporte de base, pero tamén as grandes competicións que nos serven de espello e teñen un efecto económico importante”, engadiu.
O conselleiro de Deportes referiuse ademais ao apoio que se lles presta aos deportistas de loita a través do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ao que están ou estiveron vinculados como bolseiros os catro representantes galegos neste mundial. De feito, a da loita é a terceira federación con máis deportistas no centro, despois do piragüismo e da natación.