Galicia e o Norte de Portugal impulsan a súa colaboración para facilitar a mobilidade laboral entre ambas zonas

Fanno a través do convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para a coordinación do servizo de emprego Eures Transfronteirizo 

Deste xeito, ambas partes seguirán contribuíndo a identificar as necesidades e oportunidades de emprego en Galicia e o norte de Portugal, para facilitar o acceso dos demandantes de traballo ao mercado laboral

Entre os labores do Eures Galicia e norte de Portugal está reunir aos grupos de traballo impulsados polos servizos públicos de emprego galego e portugués e a atención a demandantes de emprego e empregadores

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2024

Galicia e o norte de Portugal impulsan a súa colaboración para facilitar a mobilidade dos traballadores entre ambas zonas e responder ás necesidades de información nesta materia, tanto a persoas traballadoras como a empresarias. Fano a través do convenio que asinarán proximamente a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-norte de Portugal para o desenvolvemento da actividade de coordinación do servizo de emprego Eures Transfronteirizo Galicia-norte de Portugal. 

Deste xeito, ambas partes continuarán impulsando este proxecto que facilita a mobilidade dos traballadores entre as zonas fronteirizas de Galicia e o norte de Portugal e responde ás necesidades de información nesta materia, tanto a persoas traballadoras como a empresarias. Trátase dunha iniciativa que forma parte da aposta conxunta de asegurar a circulación de información sobre as ofertas e demandas de emprego entre as rexións fronteirizas, así como as condicións de vida e traballo nestas rexións. 

Está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa FSE+ de Galicia 2021-2027 e contribúe a coñecer as tendencias do mercado laboral de Galicia e o norte de Portugal e, polo tanto, a identificar as necesidades e oportunidades de emprego nestas rexións para facilitar o acceso ao mesmo aos demandantes de traballo. Ao mesmo tempo,  é de grande utilidade para as administracións de cara ao deseño de accións adaptadas ás necesidades das empresas e traballadores en materia de emprego, formación e mobilidade.

Actividades do Eures

Con ese fin, o servizo Eures realiza distintas actividades de xestión que son obxecto deste convenio, entre elas, a elaboración do seu plan de actividades e o orzamento anual, axudar aos socios na planificación de accións, estimular a cooperación e a realización de accións conxuntas, así como promocionar e representar á estrutura nas accións desenvolvidas polos socios e por outros organismos e institucións. 

Tamén se encarga de promover e organizar as reunións dos grupos de traballo específicos, impulsados polos servizos públicos de emprego de Galicia e Portugal, de impulsar as sinerxías con outros programas comunitarios, organismos e institucións e da atención a demandantes de emprego e empregadores, dando información sobre dereitos e obrigas no ámbito laboral transfronteirizo.

Dentro desta colaboración, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal asumirá a realización de actividades de coordinación do Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración aboaralle os gastos producidos. 

Para iso o convenio estará en vigor desde a súa sinatura ata o 30 de xuño de 2026, podendo prorrogarse se así o deciden as partes, e contará cun importe total de preto de 188.200 euros no marco do proxecto Eures 24-25 e a distribuír nas anualidades 2024, 2025 e 2026. 

A rede Eures e o Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal

En toda Europa existen sete estruturas Eures -EURopean Employment Services- que forman unha rede de cooperación entre a Comisión Europea e os servicios públicos de emprego dos estados membro coa función de facilitar información sobre oportunidades de emprego e condicións de vida e traballo no Espazo Económico Europeo. 

Unha das estruturas transfronteirizas Eures é a de Galicia-Norte de Portugal, que foi creada en decembro de 1997 mediante a sinatura dun convenio marco de colaboración entre distintos socios, entre os que se atopan, o Instituto de Emprego e Formación Profesional (Lisboa-Portugal) e a Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2024