A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático achegouse en barco ata un dos puntos do trazado de 23 km polo que discorre a proba

Ángeles Vázquez pon en valor a relevancia de eventos como a Tripla Coroa Illas Atlánticas para divulgar os valores ambientais do Parque Nacional

Os 140 participantes, que proceden de España, Portugal, México, Francia, Italia, Cuba e Andorra, percorrerán 23 quilómetros entre a illa de Ons e Combarro, en Poio

Os seus familiares e acompañantes poderán coñecer Ons a través dun completo programa de actividades como unha ruta guiada, un concurso de fotografía e unha recollida de residuos baixo o lema `Mollámonos polo medio ambiente´

Sanxenxo (Pontevedra), 7 de setembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor a relevancia de eventos como a competición a nado Tripla Coroa Illas Atlánticas para divulgar os valores ambientais e patrimoniais do Parque Nacional.

Antes de saír desde o porto de Sanxenxo para achegarse en barco ata un dos grupos de nadadores que estaban disputando a proba, a responsable autonómica incidiu na dureza desta competición en augas abertas, que vai xa pola súa terceira edición e se consolida ano tras ano como un escaparate internacional de gran valor para dar a coñecer lugares emblemáticos de Galicia e, particularmente, das Illas Atlánticas.

Dividida en tres probas anuais de ultrafondo, hoxe disputouse a terceira, cun percorrido total de 23 quilómetros entre a illa de Ons e a praia da Chousa, en Combarro, no concello de Poio, pasando por Tambo. Trátase da travesía máis longa das tres realizadas e a duración media estimada prevese que estea por encima das oito horas, o que dá mostra da esixencia desta travesía.

Segundo salientou Ángeles Vázquez, todas as accións programadas no marco da Tripla Coroa serven para poñer en valor a riqueza natural e paisaxística de Galicia e, máis concretamente, do Parque Nacional, demostrando que a conservación da natureza é compatible co seu uso e desfrute a nivel deportivo e turístico.

De feito, a conselleira lembrou que ao longo da xornada de hoxe e de forma paralela á celebración da proba deportiva, familiares e acompañantes dos 140 nadadores participantes -128 españois e os restantes procedentes de países como Portugal, México, Francia, Italia, Cuba ou Andorra- terán ocasión de coñecer Ons a través dun completo programa de actividades organizado polo persoal e a dirección do Parque Nacional.

En concreto, está prevista unha visita guiada pola illa para descubrir as súas principais especies de flora e fauna e tamén o seu patrimonio etnográfico e arquitectónico, un concurso de fotografía para escoller as tres mellores imaxes da illa e unha recollida de residuos na praia de Area dos Cans, coa que, baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, se pretende promover a concienciación ambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2024