A Xunta promove as vendas de proximidade na provincia de Lugo coa campaña ‘Merca no teu comercio’

 O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron na presentación desta iniciativa enmarcada na colaboración entre o Goberno galego e a Federación Galega de Comercio

Terá dúas edicións, unha entre o 10 e o 30 de setembro e outra entre o 10 e o 30 de outubro e sorteará un total de 10.000 euros en bonos de 200 euros para canxear nos establecementos adheridos

Gabriel Alén salientou a importancia e a necesidade de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional

Ademais, cada edición inclúe unha gala de entrega de premios na que se sorteará en directo un bono de 1.000 euros

Lugo, 9 de setembro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da campaña Merca no teu comercio-Lugo posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade. No acto tamén estiveron o presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas e a directora territorial de Abanca, Zaira Dapena.

Esta iniciativa desenvolverase na provincia de Lugo en dúas edicións, unha delas entre o 10 e o 30 de setembro e outra entre o 10 e o 30 de outubro e enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do sector. En cada unha das edicións da campaña sortearase entre todos os tickets rexistrados por comerciantes ou consumidores directamente, un total de 10.000 euros, repartidos en 50 bonos QR de 200 euros e para canxear nos establecementos adheridos.

Durante a presentación desta campaña, o director xeral salientou a importancia e a necesidade de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional. Ademais, engadiu, este tipo de actividades contribúen a visibilizar este sector clave na xeración de riqueza e emprego e na fixación de poboación na Galicia non urbana.

Entrega de premios

Ademais, cada edición inclúe unha gala de entrega de premios na que se sorteará en directo un bono de 1.000 euros. A da primeira edición será o 14 de outubro e a da segunda o 11 de novembro. Neste sorteo en directo poderán participar todos os premiados e os seus acompañantes ata completar aforo, segundo as condicións recollidas nas bases -entre elas, presentar ticket de compra nas datas da campaña e unha participación por persoa-. Este premio de 1.000 euros deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2024