A Xunta traballa nun plan extraordinario de inspección en materia de seguridade industrial enfocado a hoteis, centros comerciais e espazos de ocio

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe en Vigo na inauguración da I Xornada sobre seguridade industrial organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia en colaboración coa Consellería de Economía e Industria

Precisa que este plan extraordinario desenvolverase a través dun convenio de colaboración que se vai asinar coa Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados

Vigo, 9 de setembro de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia está a traballar na elaboración dun plan extraordinario de inspección en materia de seguridade industrial enfocado a hoteis, centros comerciais, grandes auditorios, espazos multiusos, garderías, salas de festas e discotecas.

Margarita Ardao participou hoxe en Vigo na inauguración da I Xornada sobre seguridade industrial organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a Consellería de Economía e Industria, onde adiantou que este plan extraordinario desenvolverase a través dun convenio de colaboración coa Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados.

Segundo precisou, a previsión é realizar preto de 350 inspeccións tanto en instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial, como vén sendo habitual, como no sector hoteleiro, diferentes espazos de ocio e garderías.

Como se vén facendo no marco do actual Plan anual de inspección en materia de seguridade industrial, serán obxecto de revisión as instalacións eléctricas de baixa tensión, alta tensión e centros de transformación particulares; os ascensores; as instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos para subministración a vehículos; as instalacións de almacenamento de produtos petrolíferos para a subministración de combustible a vehículos propios; as instalacións térmicas en edificios; e as instalacións de almacenamento de produtos químicos, de gas, e de seguridade contra incendios en establecementos industriais.

A maiores, acometeranse inspeccións naquelas instalacións con equipos a presión, de xeración asociadas ao autoconsumo ou frigoríficas, ademais de parques eólicos con acta de posta en servizo.

Margarita Ardao lembrou que a seguridade industrial comprende aquelas actividades de prevención e limitación de riscos, ou protección contra accidentes e sinistros que poden producir danos e perdas ás persoas, os bens ou o medio ambiente, derivados da actividade industrial ou do uso, funcionamento e mantemento das instalacións ou dos equipos e da produción, almacenamento ou refugallo de produtos industriais

Xunto coa de hoxe, son oito as xornadas informativas sobre seguridade industrial que se van convocar tamén en Ferrol, Ourense, Santiago, A Coruña e Lugo.  As actuacións conxuntas da Consellería de Economía e Industria e do ICOIIG inclúen ademais a celebración do primeiro congreso sobre esta materia que se organiza en Galicia, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro en Santiago de Compostela. Por engadido, ofreceranse guías prácticas e outras actividades orientadas a concienciar e sensibilizar sobre a importancia da seguridade industrial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2024