O presidente do Goberno galego participa no acto de recoñecemento aos profesionais sanitarios celebrado no Hospital do Salnés
Rueda destaca o labor dos 48.000 profesionais do ámbito sanitario que fixeron posible garantir unha asistencia de calidade en toda Galicia durante o verán
Agradécelles a súa contribución para “facer da sanidade pública galega unha sanidade excelente”
Resalta o éxito das medidas implantadas pola Xunta que permitiron incrementar a actividade asistencial respecto ao ano pasado
A sanidade pública galega contou de media diaria en xullo e agosto con 1.500 profesionais máis contratados que o ano pasado
Salienta a contribución dos 400 médicos que participaron de forma voluntaria no Plan de reforzo impulsado pola Xunta, dobrando quendas e facendo gardas
Subliña que o traballo dos profesionais permitiu realizar 1.400 cirurxías programadas máis que o verán pasado e atender 16.000 urxencias hospitalarias máis
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o labor dos máis de 48.000 profesionais do ámbito sanitario contratados cada día no Sergas este verán e que garantiron unha asistencia de calidade en toda Galicia durante os meses estivais. Así, agradeceu o traballo de todos, poñendo como exemplo os 400 médicos que están a colaborar no plan de reforzo da asistencia sanitaria que o Goberno autonómico puxo en marcha no período estival.
“Grazas por facer da sanidade pública galega unha sanidade excelente”, indicou durante un acto de recoñecemento no Hospital do Salnés, no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e no que lembrou a aposta da Xunta pola mellora constante da sanidade pública mediante o reforzo dos investimentos en infraestruturas e tecnoloxía sanitaria e destinando a metade dos orzamentos a este eido.
Nun verán marcado pola falta de médicos nalgunhas especialidades que vive todo o país, a Xunta puxo en marcha un plan específico, dotado de 12,5 M€, para garantir a asistencia sanitaria de calidade a todos os galegos e galegas e que permitiu que a sanidade pública galega contase de media diaria en xullo e agosto con 1.500 profesionais máis contratados que o ano pasado.
Entre as medidas extraordinarias impulsadas está a creación dunha bolsa de médicos voluntarios para cubrir as gardas nos Puntos de Atención Continuada -á que se apuntaron máis de 300 profesionais-; un programa especial de apoio por parte dos facultativos do 061 -no que participou máis dunha vintena de médicos-; medidas de mobilidade, para trasladarse temporalmente aos centros de saúde con maior demanda no verán polo aumento de poboación (cunha decena de participantes) e a posibilidade de que os MIR, os médicos residentes no seu cuarto curso de formación, que así o quixesen puideran axudar aos médicos de atención primaria á hora de pasar consulta (participaron 104 de medicina familiar e sete de pediatría).
Actividade sanitaria no verán
Rueda salientou que o reforzo de persoal durante os meses de verán na sanidade pública galega permitiu, non só manter a actividade habitual no período estival, senón incrementala respecto doutros anos.
Así, os quirófanos dos hospitais galegos operaron máis e operaron máis patoloxías prioritarias, que viron, ademais, reducidas as súas esperas. En concreto, o Sergas realizou “1.400 cirurxías programadas máis” -500 delas de prioridade 1, o que supón un 8 % máis que no verán de 2023-.
“Tamén aumentaron un 6 % as asistencias en urxencias”- indicou o presidente-, tanto nos hospitais como nos PAC, “mentres que se mantivo o número de probas diagnósticas realizadas (1,5 millóns) e o número de consultas de atención primaria”. Polo tanto, as urxencias dos hospitais e as dos PAC atenderon máis pacientes ca nunca, evitándose moitas hospitalizacións.
Ademais, o 061 atendeu 5.000 chamadas máis ao longo deste verán ata chegar as 210.000, das que o 90 % foron asistidas en menos de 10 segundos; e as campañas de doazón de sangue permitiron realizar máis de 11.000 operacións cirúrxicas, transfundir plaquetas a 5.600 pacientes oncolóxicos ou facer de media un transplante de órgano ou tecido ao día na comunidade.