A Xunta lembra que se poden solicitar ata ese xoves as axudas para contratar persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron hoxe as instalacións de Down Vigo, unha das entidades beneficiarias destas achegas
No caso das axudas destinadas ao emprego con apoio, o prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro e teñen como fin financiar os custos da contratación de preparadores e preparadoras laborais que presten apoio a persoas con discapacidade
Pablo Fernández destacou o importante labor que realiza Down Vigo, así como a Federación Down Galicia na inserción e integración laboral das persoas con síndrome de down e discapacidade intelectual
Ademais, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais visitou a empresa Rodavigo, dedicada á comercialización e distribución de subministracións industriais e onde traballan dúas persoas usuarias de Down Vigo
Vigo, 10 de setembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron hoxe as instalacións de Down Vigo, que é beneficiaria de axudas para a contratación de persoas sen emprego en entidades sen ánimo de lucro e conta con servizo de emprego con apoio, encargado do acompañamento das persoas usuarias nas diferentes empresas nas que traballan. Alí o secretario xeral lembrou que as entidades sen ánimo de lucro interesadas poden solicitar ata este xoves 12 de setembro, día incluído, as achegas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación.
Esta orde de achegas conta cun orzamento de case 9,3 millóns de euros, o que supón unha suba superior ao 9% en relación ao do exercicio anterior. A través deste novo programa de cooperación, estímase que se poderán contratar unhas 500 persoas desempregadas en 180 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Down Vigo é unha das entidades beneficiadas na convocatoria do ano pasado cun importe concedido de máis de 66.000 euros.
Na visita, Pablo Fernández destacou o importante labor que realiza Down Vigo, así como a Federación Down Galicia na inserción e integración laboral das persoas con síndrome de down e discapacidade intelectual. Co seu labor inclusivo, engadiu, contribúen a que estas persoas poidan acceder, manterse e relacionarse na empresa ordinaria, adaptando ou realizando o adestramento necesario no lugar de traballo.
Emprego con apoio
En canto ao emprego con apoio, Pablo Fernández subliñou que o Goberno galego tamén ofrece axudas para financiar os custos derivados da contratación de persoas preparadoras laborais que presten apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa, co fin de favorecer a súa integración laboral. Neste caso, as axudas poden solicitarse ata o próximo 30 de setembro e a elas destínanse 450.000 euros.
Poden beneficiarse delas as asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como os centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das accións con apoio. Tamén poden optar as empresas e as persoas traballadoras autónomas que contraten persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
Rodavigo
Ademais, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou a empresa Rodavigo, dedicada á comercialización e distribución de subministracións industriais e onde traballan dúas persoas usuarias de Down Vigo. Esta visita, sinalou que exemplifica o labor vital que realizan entidades como esta a prol da contratación das persoas con discapacidade e en risco de exclusión na empresa ordinaria.
Nestas visitas Pablo Fernández estivo acompañado por persoal directivo de Down Vigo e Down Galicia, así como polos técnicos dos programas para contratación de persoas sen emprego e de emprego con apoio.