A Xunta reforza a colaboración coa Federación Galega Euroconsumo para garantir a protección das persoas consumidoras
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de reunirse con representantes da entidade que agrupa colectivos da localidade coruñesa de Oleiros e das pontevedresa da Estrada e Vilagarcía de Arousa
Ambas partes apostaron por continuar desenvolvendo actividades de carácter formativo e informativo ás persoas consumidoras, no marco do convenio de colaboración que teñen asinado
A nivel galego, e grazas á colaboración subscrita con máis entidades, desenvolveranse máis de 50 talleres formativos sobre temáticas como os dereitos básicos das persoas consumidoras e usuarias, os servizos financeiros ou a subministración de enerxía
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de manter unha xuntanza con representantes da Federación Galega Euroconsumo co gallo de reforzar a colaboración que manteñen para garantir a protección das persoas consumidoras. Nunha reunión para detectar próximas liñas de traballo, apostaron por continuar coas actividades formativas e informativas en beneficio dos colectivos que representa a federación na localidade coruñesa de Oleiros e nas pontevedresas da Estrada e Vilagarcía de Arousa.
No encontro fíxose fincapé na necesidade de axilizar as consultas e resolución de reclamacións relacionadas con cuestións como os produtos e servizos financeiros ou a subministración de enerxía eléctrica ou de gas. Todo co obxectivo primordial de atender e protexer de xeito efectivo as persoas consumidoras a través de ferramentas como a mediación e a arbitraxe.
Co gallo da xuntanza, lembrouse que a nivel galego -e a través da cooperación tamén con outras organizacións- está prevista a realización de máis de 50 talleres sobre diferentes temáticas que se poderán impartir de xeito telepresencial e/ou presencial deica o mes de decembro, e que inclúen a instrución de formadores dirixida a entidades e persoas colaboradoras, técnicos e persoal de atención para que poidan difundir as prácticas de consumo responsable entre os distintos colectivos usuarios e chegar ao maior número de persoas posible.
En canto ás temáticas, abordaranse os dereitos básicos das persoas consumidoras, o endebedamento, os servizos financeiros e as distintas problemáticas relacionadas cos servizos de subministración de enerxía.