A Xunta e os sindicatos UUAA e ASAGA constitúen unha mesa de traballo para apoiar á DO Ribeira Sacra

O Goberno galego ten unha clara estratexia de apoio a esta zona vitícola, coas axudas xa avanzadas de conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra ou a destilación de crise, entre outras

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, explicou que esta mesa permitirá analizar en profundidade a situación da DO e adoptar medidas que permitan, a curto e medio prazo, reverter a situación de excedentes pola caída do consumo de tintos, así como avanzar nunha planificación estratéxica de futuro

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte; acompañado polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e o da PAC e o Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; mantivo hoxe unha reunión con representantes dos sindicatos Unións Agrarias e Asociación Agraria Galega para abordar a situación que atravesa a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Nela, acordaron constituír unha mesa de traballo e de colaboración mutua para apoiar esta zona de produción vitivinícola, que se enmarca dentro do espazo de diálogo aberto con todos os axentes do sector, incluídos o Consello Regulador e as adegas.

Neste sentido, Martín Alemparte destacou que se realizarán mesas de traballo cos axentes implicados para “analizar conxuntamente a situación actual da DO Ribeira Sacra” ante a actual crise de excedentes pola caída do consumo de tintos.

Lembrou tamén as medidas que se avanzaron no Consello do pasado 2 de setembro, con axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, dotadas con 2 millóns de euros; e as destinadas para a destilación de crise aprobada para esta DO, que contarán cun investimento de 500.000 euros de fondos propios para a xestión do excedente de viño.

Estas medidas complétanse con outras dirixidas ao sector vitivinícola no seu conxunto, como a ampliación da formación e da divulgación das axudas da PAC, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, ou as achegas do Igape para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva.

Planificación estratéxica

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén recalcou que estas mesas de traballo estudarán a planificación estratéxica que precisa a DO Ribeira Sacra “para abordar os retos de futuro ante un contexto internacional de descenso de consumo de viño tinto e de acumulación de excedentes”. Neste sentido, avogou por tomar decisións conxuntas a curto e medio prazo que permitan mitigar o impacto da uva non recollida nos viticultores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2024