Medio Rural salienta o papel da distribución para achegar á cidadanía os produtos galegos de calidade diferenciada

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu á presentación de Vive Galicia, a campaña anual de Alcampo para promover os produtos agroalimentarios galegos

Destacou que Galicia debe competir nos mercados a través da calidade, do valor engadido e da identidade dos seus produtos

Vigo, 28 de xullo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, puxo en valor o papel da distribución como un aliado fundamental para achegar estes produtos á cidadanía, reforzar a súa presenza nos mercados e contribuír á súa valorización. Fíxoo hoxe na presentación de Vive Galicia, a campaña anual impulsada por Alcampo para promover os produtos agroalimentarios galegos.

Neste sentido, o director lembrou que a presenza dos produtos galegos nos lineais é o primeiro paso para que os consumidores os coñezan e poidan elixilos. “Só existe para a clientela aquilo que coñece”, sinalou, destacando que iniciativas como esta permiten dar visibilidade aos alimentos galegos e achegalos á decisión de compra.

A campaña reúne ata o vindeiro 12 de agosto un total de 161 produtos elaborados por 60 provedores locais, entre os que se atopan diferentes alimentos amparados por figuras de calidade diferenciada. Así, os consumidores poderán atopar produtos como os viños das denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei; os queixos Tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa; a Tarta de Santiago, a IXP Ternera Gallega, a IXP Pan Galego, ademais doutros alimentos representativos da despensa galega.

Neste ámbito, Alemparte puxo como exemplo o compromiso de Alcampo coa IXP Pan Galego, lembrando que foi a primeira cadea de gran distribución autorizada polo seu Consello Regulador para elaborar, etiquetar e comercializar este produto nas súas propias instalacións. Segundo destacou, trátase dun exemplo de colaboración entre a distribución comercial e os sistemas oficiais de calidade diferenciada, que contribúe a achegar ao consumidor produtos certificados con todas as garantías e a reforzar a súa visibilidade nos puntos de venda.

Lembrou que as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas ofrecen ao consumidor garantías de orixe certificada, trazabilidade e control independente, pero representan tamén moito máis ca un selo de calidade. Ademais, explicou que contribúen a crear territorio, preservando variedades vexetais e razas autóctonas, mantendo sistemas tradicionais de produción, conservando coñecementos transmitidos de xeración en xeración e protexendo a paisaxe, a cultura e a identidade propias de Galicia.

Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada

A Consellería do Medio Rural apoia Vive Galicia a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, ao que este ano destina máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis ca na pasada edición, co obxectivo de reforzar a promoción das producións certificadas, incrementar o seu posicionamento nos mercados e seguir xerando valor para os produtores e para o conxunto do rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026