A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe as instalacións, en Lobios

A Xunta inicia as obras de rehabilitación enerxética do centro de interpretación do Parque Natural do Xurés

Marisol Díaz subliña que o obxectivo é reducir un mínimo dun 30 % o consumo de enerxía primaria non renovable

Subliña o papel destas instalacións que, ademais de ser oficina administrativa, son un punto de información que ofrece aos visitantes todo tipo de material divulgativo

Lobios (Ourense), 13 de setembro de 2024

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, anunciou hoxe o próximo inicio das obras de rehabilitación enerxética do centro de interpretación do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, que contan cun financiamento de máis de 600.000 euros.

Durante a súa visita ás instalacións, a directora xeral indicou que esta actuación, que se enmarca no Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep) do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, teñen como obxectivo reducir un mínimo dun 30 % o consumo de enerxía primaria non renovable.

Deste xeito, as obras, cun prazo de execución estimado dun ano, consistirán na mellora do illamento térmico da envolvente do edificio, na incorporación de ventilación mecánica e na instalación dunha bomba de calor aerotermia. Tamén se substituirán a carpintería exterior por outra de madeira con xuntas de estanquidade e a iluminación actual por unha enerxeticamente eficiente con LED. A maiores, instalaranse placas solares fotovoltaicas para a xeración de enerxía eléctrica renovable.

Marisol Díaz puxo en valor o papel deste centro de interpretación que, ademais de ser oficina administrativa deste parque natural, é un punto de información onde se ofrece aos visitantes todo tipo de material informativo e divulgativo para que, entre outras cuestións, poidan planificar o seu percorrido por este espazo protexido, os lugares con maior valor ecolóxico e datos sobre os concellos da contorna.

Zona protexida

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés foi declarado espazo natural protexido en 1993 e abarca case 29.400 hectáreas entre a serra do Xurés e o val do Limia. Repártese entre os concellos de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín e chega ata a fronteira con Portugal, onde limita co parque nacional luso Peneda-Gêres.

De feito, este parque natural ourensán forma parte da Reserva da biosfera transfronteiriza Gêres-Xurés, a única galega destas características e xestionada conxuntamente entre Galicia e o norte de Portugal, que impulsan distintas accións de cooperación transfronteiriza como a recente repoboación de terreos galegos da reserva con piñeiros silvestres ou teixos de alto valor ecolóxico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2024