Rueda destaca o millón de euros destinado á creación do primeiro centro de acollida para a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adicción
Asinarase un convenio de colaboración co Concello do Porriño para acoller este novo recurso especializado, que pasará a formar parte da Rede Galega de Acollemento
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024
Segundo trasladou o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e o Concello do Porriño para a “creación do primeiro centro de acollida para a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adicción”. Así, a Administración autonómica destinará un millón de euros de fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Next Generation EU) para que o Concello porriñés “adquira, reforme e prepare” un inmoble co fin de albergar este recurso.
O obxectivo deste centro de acollida, tal e como apuntou o titular do Goberno galego, será “axudar as vítimas no control e superación das adicións para que logo poidan incorporarse á vida autónoma”. Ademais, entrará a formar parte da Rede Galega de Acollemento, dotándoa dun recurso especializado que se suma ao que xa teñen as vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental.
Na actualidade, a Rede Galega de Acollemento ofrece máis de 80 prazas en 7 centros situados na Coruña, Ourense, Ferrol, Lugo, Vigo, Burela e Chantada. Rueda sinalou que a violencia de xénero é unha cuestión “primordial” para a Xunta, así como “ofrecer a mellor asistencia ás vítimas, ademáis das políticas de prevención”, polo que a Administración autonómica destina este ano 24 millóns de euros á súa loita, o que supón un 15 % máis que no 2023.