A Xunta inicia a nova estratexia de vacinación fronte ao virus do papiloma humano para inmunizar 27.000 varóns nados entre 2006 e 2009 a partir deste mércores
Rueda destaca que con esta medida Galicia adiántase á recomendación da Comisión Nacional de Saúde Pública e amplía desde esta semana a vacinación a rapaces menores de 18 anos
A evidencia científica motiva un cambio na pauta de inmunización, que pasa a unha única dose
O investimento da Xunta nesta campaña de vacinación achégase aos 700.000 euros
Preténdese reducir a incidencia dos cancros asociados ao virus do papiloma humano en nenos e diminuír a aparición de lesións precancerosas e cancros en nenas
A porcentaxe de cobertura vacinal en nenas desde que se incluíu no seu calendario de inmunización aos 12 anos está próxima ao 100 %
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024
O Consello da Xunta abordou hoxe o informe da Consellería de Sanidade que recolle a nova estratexia de vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) en Galicia e que, tal e como informou o presidente Alfonso Rueda, “a partir deste mércores 18 de setembro ofrecerá a vacina aos nenos varóns nados entre o 2006 e o 2009”, polo que a previsión é “chegar a 27.000 nenos que agora quedaban fóra do calendario para esta vacina”. Para desenvolver esta campaña no ano 2024, a Xunta investirá 682.267 euros.
Desta forma, Galicia adiántase á recomendación da Comisión Nacional de Saúde Pública de implantar a vacinación dos nenos menores de 15 a 18 anos e cunha única dose en lugar de con dúas, xa que a evidencia científica actual demostra a súa eficacia en persoas sen contacto previo co virus. Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública non deixa que a cohorte de nados en 2006 perda a oportunidade de vacinarse fronte ao VPH.
O obxectivo principal desta medida, tal e como apuntou Rueda, é “reducir a incidencia de cancros asociados ao virus do papiloma humano” en varóns e, ademais, obter unha protección cruzada nas nenas. En concreto, a vacinación diminuirá a incidencia en nenos de cancros orofarínxeos, anais e de pene causados polos tipos de VPH oncoxénicos contidos na vacina e de verrugas xenitais causadas polos tipos non oncoxénicos. En nenas, indirectamente, contribuirá a diminuír a aparición de lesións precancerosas e cancros de cérvix, vulva e vaxina. “A vacinación é fundamental e efectiva”, apuntou.
Unha única dose
Ao cambiar a pauta de vacinación e reducirse a unha única inxección, é previsible un aumento das coberturas. Actualmente, a porcentaxe de adherencia en nenas desde que se incluíu no seu calendario vacinal aos 12 está próxima ao 100%, en nadas desde 2006 a 2010. No caso dos nenos, a cohorte de 2010 chega a unha cobertura próxima ao 93%; e, no referido aos nacidos entre 2006 e 2009 que non tiñan prescrita por calendario a vacina do VPH, a cobertura non chega ao 50%. Dos 45.000 nenos nacidos neste período, uns 27.000 non teñen ningunha dose e agora a Xunta ofrécelles a opción de seren vacinados.
Deste xeito, Rueda indicou que Galicia mantén “o mellor calendario de vacinación do mundo” polo número de vacinas ofertadas e as idades incluídas.