A Xunta destaca o potencial da automoción galega e a necesidade de avanzar cara a unha mobilidade sostible

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na clausura da terceira edición do congreso ‘Automob Summit’ de Asime, onde explicou o compromiso do Goberno galego cos desprazamentos sostibles con iniciativas como a Estratexia Galega de Mobilidade ou o Plan de Transporte Público de Galicia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou na inauguración a aposta do Goberno galego pola competitividade do sector da automoción con axudas de ata 22 M€ e a elaboración dun plan director

A Administración autonómica seguirá reclamando con lealdade máis fondos europeos para unha industria tractora e crucial para Galicia como é a automoción, xa que dos 33.000 M€ dos pertes industriais, as empresas galegas solo recibiron uns 640 M€

Vigo, 18 de setembro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na clausura do congreso Automob Summit, organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), que celebrou onte e hoxe a súa terceira edición co obxectivo de ofrecer un foro de encontro para a industria da automoción e debater a mobilidade do futuro a nivel internacional.

Na súa intervención, destacou o compromiso da Xunta cunha mobilidade sostible a través da Estratexia Galega de Mobilidade, unha folla de ruta a seguir ata 2050 cun orzamento de 420 millóns de euros e case un cento de medidas para garantir desprazamentos sostibles. Trátase -explicou- de “reducir os desprazamentos, a distancia dos traslados, as emisións contaminantes e os accidentes de tráfico”.

De feito, entre os obxectivos marcados destaca que o 90 % da poboación estea a menos de 30 minutos da cabeceira da súa área sanitaria ou a menos de 15 minutos da rede viaria de altas prestacións,  acadar cero emisións ou reducir un 5 % os desprazamentos por estrada en 2050 e que o 30 % dos desprazamentos en 2030 sexan non motorizados.

Diego Calvo explicou que, para acadar estes obxectivos, a Xunta continuará a poñer en marcha infraestruturas sostibles como sendas peonís e ciclistas, puntos de intercambio modal ou aparcamentos disuasorios, ademais de fomentar o transporte público. Nesta liña, lembrou que a estratexia aliñase con outras iniciativas do Goberno galego como o Plan de Transporte Público de Galicia.

Como lembrou o conselleiro de Presidencia, este plan supón un investimento anual de 140 millóns de euros anuais para que o autobús regular chegue a zonas onde non o había. Así, referiuse a que o aumento de número de paradas e liñas permitiu que actualmente máis do 90 % da poboación teña unha parada a menos de 500 metros da casa.

Compromiso da Xunta coa automoción galega

Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou durante o acto de inauguración a aposta da Xunta pola competitividade do sector da automoción en Galicia e reclamou unha vez máis ao Goberno central unha distribución xusta dos fondos europeos. “Reclamámolo porque non vemos que se estea levando a cabo unha xestión de calidade por parte do Goberno de España e imos a seguir reclamando con lealdade o que é de todos os galegos e galegas”, dixo.

A conselleira manifestou de novo o descontento do Goberno galego pola forma na que o Executivo central está a xestionar estas axudas e insistiu en que “imos seguir exixindo os máximos estándares de calidade na xestións destes fondos e a súa distribución xusta tendo en conta o peso de cada industria en cada comunidade autónoma”, dixo.

Neste sentido, Lorenzana explicou que hai oito pertes industriais deseñados cun orzamento de máis de 33.000 millóns de euros dos que as empresas galegas recibiron uns 640 millóns. “Case un 70 % destes 33.000 millóns está sen resolver por parte da Administración central”, sinalou.

Ademais, expuxo a importancia do sector da automoción en Galicia, que segundo os datos de Asime, supón na economía galega máis de 19.600 postos de traballo e máis de 12.300  millóns de facturación. Así mesmo, sinalou que a Xunta está a destinar fondos propios para o sector da automoción “e ímolo seguir facendo pero precisamos fondos europeos para esta industria tractora e crucial para Galicia”, apuntou.

Durante a súa intervención, a titular de Economía e Industria, puxo en valor os apoios da Xunta de Galicia a este sector co obxectivo de que non perda competitividade fronte a terceiros países no actual escenario de transformación.

Neste marco, Lorenzana destacou o Plan director da automoción, cuxo borrador xa está en fase de alegacións; a liña de axudas extraordinaria para as empresas de compoñentes por importe de 18 millóns, ao que se suma outro paquete de apoios de 4 millóns para o CTAG; ou no ámbito da comercialización, a ampliación ata finais deste ano, do Moves III do que xa se concederon máis de 32 millóns en apoios para incentivar a compra de vehículos eléctricos.

Cómpre sinalar que ata o domingo conmemorase a Semana europea da mobilidade, que este ano ten como tema o espazo público compartido e como lema Combina e móvete!

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024