A Xunta e os sindicatos UUAA e Asaga ultiman o acordo para a concesión de axudas ás explotacións afectadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica

A liña de axudas prevista, que complementará as indemnizacións por morte que xa se viñan pagando, contempla tamén os custos veterinarios e de desinsectación no gando e nas instalacións, tal e como xa adiantara a conselleira do Medio Rural 

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe con estas organizacións para perfilar estas achegas, que se facilitarán de xeito directo aos gandeiros afectados para reducir ao máximo os trámites administrativos

Galicia foi pioneira en indemnizar por animal morto, cunha liña de axudas convocada a comezos de 2024 na que se incluíu esta doenza, e das que xa se pagaron máis de 200.000 euros

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, mantivo hoxe unha reunión con representantes dos sindicatos Unións Agrarias e Asociación Agraria Galega para abordar a situación actual do sector gandeiro pola incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). En dito encontro ultimaron o acordo para a concesión das axudas que se destinarán ás explotacións afectadas por esta doenza. Unhas axudas que buscan, tal e como xa adiantara a conselleira María José Gómez, non só paliar as perdas por morte de animais positivos -cuestión xa contemplada ata agora e que se complementará-, senón tamén compensar os custos veterinarios e de desinsectación no gando e nas instalacións.

José Balseiros destacou a colaboración destas organizacións agrarias, coas que se leva traballando varias semanas, para a posta en marcha desta liña de axudas, cuxa tramitación está vinculada á publicación do Real Decreto que regulará os criterios e posterior reparto de fondos, prevista para a vindeira semana segundo o avanzado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. De feito, cómpre lembrar que nos últimos meses Galicia leva reclamando e urxindo ao Ministerio esta cuestión, clave para poder avanzar na tramitación interna desde as diferentes comunidades.

O director xeral explicou que o acordo no que se está traballando ten en conta “as fórmulas, os procedementos e as coberturas que imos atender para que ningunha explotación quede sen axudas”. De feito, tramitaranse de xeito directo, polo que as explotacións gandeiras afectadas pola EHE non terán que presentar máis documentación, só aceptar a achega. A relación dos beneficiarios, segundo sinalou, obterase da base de datos da Consellería do Medio Rural onde figuran as explotacións que rexistraron casos tanto no 2023 como ao longo deste ano.

Galicia, pioneira en indemnizar mortes

José Balseiros puxo en valor que Galicia foi pioneira en indemnizar aos gandeiros por animais mortos por EHE, cunha liña de axudas convocada a comezos de 2024 na que se incluíu esta doenza e das que xa se pagaron máis de 200.000 euros. Nesta liña, explicou que as novas axudas serán complementarias, polo que os que se beneficiaron xa da primeira liña recibirán un pago compensatorio sobre as que xa cobraron.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024