A Xunta renova a cuberta do IES Indalecio Pérez Tizón e instala novas luminarias e paneis interactivos no San Paio

A obra levouse a cabo durante os meses de verán para non interferir co normal funcionamento do centro

Está prevista a instalación de placas fotovoltaicas no IES Indalecio Pérez Tizón

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica suporá un investimento nos centros educativos da provincia de Pontevedra de case 100 millóns de euros

Tui, 25 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o IES Indalecio Pérez Tizón e o IES San Paio, no concello de Tui. 

No primeiro dos centros, Reguera puido comprobar o resultado das obras de substitución da cuberta, que contou cun orzamento de máis de 366.000 euros e que supuxo unha importante mellora que, segundo explicou o director do centro, afecta de forma moi positiva ao día a día do alumnado e do corpo docente. 

Cabe destacar que a consellería de Educación ten prevista a instalación de placas fotovoltaicas neste centro, unha actuación que conta cun financiamento de máis de 27.000 euros e coa que esperan reducir o custe enerxético do edificio. 

Pola súa banda, no IES San Paio o delegado visitou varias aulas nas que a  Xunta retirou os antigos encerados e instalou novos  paneis modernos e interactivos que combinan as funcións tradicionais con novos sistemas informáticos que permiten expandir os seus usos. Para retirar os vellos encerados e colocar os novos fixéronse varias melloras no centro, que se combinaron con outras complementarias na rede de pluviais e no patio, cun orzamento total de 90.000 euros.

Neste centro tamén se acometeu a actualización da instalación de iluminación existente, colocando novas luminarias de tecnoloxía Led, máis eficientes desde o punto de vista enerxético. Así mesmo, renováronse os falsos teitos nas zonas nas que foi necesario facelo. A actuación supuxo un investimento de preto de 165.000 euros.

As obras encádranse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa que entre o ano 2021 e o 2024 permite levar a cabo case 2.700 obras en centros educativos de todo o territorio galego, mobilizando máis de 278 millóns de euros. 

Cabe destacar que neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98% destas obras, por un importe de máis de 229M€. O 2% restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución.  

Na provincia de Pontevedra este Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica permitiu realizar  un total de 613 obras, entre 132 grandes obras cun investimento de 63,2 millóns de euros; 460 obras pequenas e medianas por valor de 14,2 millóns de euros; e 21 instalacións fotovoltaicas que supuxeron un investimento de máis de medio millón de euros. A maiores, hai 21 actuacións comprometidas que aumentarán en case 22 millóns de euros o investido neste plan na provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024