A Xunta apoia a Feira de oportunidades de Redondela no marco das axudas para o impulso e revitalización dos centros comerciais abertos
Redondela (Pontevedra), 28 de setembro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á Feira anual de oportunidades do comercio de Redondela, organizada pola asociación de empresarios do concello pontevedrés e apoiada pola Xunta no marco das axudas para impulsar a dinamización dos centros comerciais abertos, dotadas este ano con 2,25 millóns de euros.
A través destes apoios, o Executivo galego financia actuacións de dinamización comercial, fidelización de clientela ou dixitalización co gallo de revitalizar o sector, impulsar de xeito decidido o papel os centros comerciais abertos e potenciar o comercio de proximidade. Na Feira de oportunidades que se desenvolve entre hoxe e mañá, unha trintena de establecementos de Redondela ofrecerán descontos en sectores como o da alimentación, a roupa, o calzado, os complementos ou os agasallos. Tamén haberá actividades e obradoiros complementarios para as persoas asistentes.