A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse co conselleiro delegado do Grupo Nueva Pescanova, Jorge Escudero
Xunta e Nueva Pescanova abordan as oportunidades que ofrece Galicia ao tecido empresarial para investir
A conselleira destacou o compromiso do Executivo autonómico para facer da Comunidade galega un polo de atracción industrial na Península
Puxo en valor as medidas postas en marcha pola Xunta como a creación da Oficina Económica de Galicia ou o solo industrial gratuíto durante os primeiros oito anos
Vigo, 1 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Vigo co conselleiro delegado do Grupo Nueva Pescanova, Jorge Escudero, para abordar as oportunidades que ofrece Galicia ao tecido empresarial para investir e implantar proxectos empresariais na Comunidade.
Durante a reunión, Lorenzana destacou que é bo para Galicia que Nueva Pescanova creza en competitividade e en xeración de emprego, pois é toda unha referencia na industria de transformación pesqueira española.
A titular de Economía e Industria trasladoulle o compromiso da Xunta para facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península e desenvolver unha planificación industrial que facilite o acceso ao solo empresarial, potencie o emprego e subministre o tecido empresarial galego.
Neste marco, destacou a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia que ofrece un servizo de asesoramento integral e que desde a súa creación no mes de abril xa atendeu máis de 7.000 consultas.
Por outra banda, María Jesús Lorenzana, explicou que o Goberno galego puxo en marcha tamén un plan de aceleración de proxectos industriais para dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos empresariais. Unha medida que se complementa coa posta a disposición das empresas de máis de 500.000 m² de solo industrial a custo cero durante os oito primeiros anos.