A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, comparece na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia
A Xunta realizou traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros sobre unha superficie de case 2,2 millóns de m2 desde o 2010
Marta Villaverde tamén puxo en valor o apoio para a adquisición de ao redor de 277 millóns de unidades de bivalvos autóctonos e máis de 60 millóns de ameixa xaponesa entre por parte das entidades beneficiarias
Tamén resaltou os avances relativos ao Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia no reforzo do labor desenvolvido polo Intecmar, do CIMA e Gardacostas así como o traballo realizado xunto co sector en Redemar
A directora xeral explicou os múltiples factores que impactan na produción marisqueira os antropoxénicos, ambientais, meteorolóxicos ou oceanográficos que están sendo obxecto de estudo polos centros de investigación mariña galegos
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia leva realizados traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros sobre unha superficie de case 2,2 millóns de m2 desde o 2010. Ademais, abordouse a descompactación do substrato en máis de 8 millóns de m2 e a sementeira de especies marisqueiras en máis de 3,7 millóns de m2. Así o manifestou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Marta Villaverde, na súa comparecencia na Comisión 8ª do Parlamento sobre as actuacións e valoración do exercicio das competencias da Xunta en materia de marisqueo.
Por outra banda, detallou que o Goberno galego apoiou á adquisición polo sector de 277 millóns de unidades de especies autóctonas de bivalvos e máis de 60 millóns de unidades de ameixa xaponesa para a realización do sementado nas zonas produtivas. Nesta liña, sinalou que a Consellería do Mar asignou un encargo á empresa pública Seaga para a recuperación e rexeneración das zonas de produción nos bancos de libre marisqueo. Nos proxectos levados a cabo nestes anos inclúense, avaliacións de idoneidade de determinadas accións, execución destas accións e de outras avaliadas en proxectos anteriores e seguimento das xa executadas para comprobar os resultados.
A directora xeral resaltou os avances relativos ao Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia , deseñado en coordinación co sector, que permitiu poñer a disposición de sector máis de 50 millóns de euros para o desenvolvemento de medidas de apoio aos profesionais afectados pola paralización da actividade extractiva, en medidas de apoio á conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños e á mellora das zonas de produción, entre outras.
Nesta liña, esbozou as distintas liñas de traballo que se está abordando desde organismos como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ou na plataforma Redemar, ferramenta pioneira de colaboración entre os centros científicos e o sector. Unha labor na que tamén participan as universidades galegas e que están axudando a avanzar na optimización e mellora do proceso de obtención de semente, na obtención de estirpes resistentes aos cambios ambientais e a enfermidades que condicionan a súa viabilidade ou no estudo do estado dos bancos marisqueiros e as variables que inflúen na súa produtividade.
Factores múltiples
A responsable autonómica explicou que os factores que afectan á produción marisqueira son múltiples, entre os cales destacan os antropoxénicos, ambientais, meteorolóxicos ou os oceanográficos. Por iso recordou os efectos negativos de patoloxías como a Marteilia cochillia no berberecho, os episodios de baixa salinidade, a crise económica do 2008, a provocada por mor da Covid-19 así como os cambios dos ventos predominantes nas rías que afectan á presenza de nutrientes nas augas, entre outras. Para responder con eficacia a todos estes desafíos o Goberno galego, reforzou os recursos destinados a proxectos de investigación mariña superando os 4 millóns de euros.