A Xunta suma apoios ao protocolo contra violencias sexuais e lgtifóbicas nunha xuntanza cos empresarios do ocio nocturno en Ourense

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero salienta a importancia de que exista un protocolo unificado en Galicia que facilita a resposta rápida e coordinada ante posibles agresións

Ourense, 3 de outubro de 2024

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse hoxe con empresarios do ocio nocturno da cidade de Ourense. O obxectivo deste encontro é promover a adhesión de máis locais ao ‘Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas’  promovido pola Xunta de Galicia.

O protocolo establece unhas pautas e unha guía de actuación no caso de producirse unha agresión sexual ou un acto violento contra as persoas LGTBI mentres desfrutan no interior dos locais. Dende o mes de xuño, este protocolo está incluído no programa obrigatorio para obter o título de Controlador de accesos en Galicia.

Neste senso, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero fixo fincapé na importancia de sumar esforzos na loita contra calquera tipo de violencia para que o lecer nocturno sexa un espazo seguro de convivencia. Así mesmo, Roberto Barba destacou a importancia de contar cun protocolo unificado en Galicia que permita dar unha resposta rápida e coordinada ante calquera agresión.

Data de actualización: 03/10/2024