Martina Aneiros clausura en Fene o obradoiro ‘Inicia VII’ que formou a 11 mozos e mozas na fabricación e montaxe de tubaxe industrial

A delegada territorial da Xunta en Ferrol manifesta o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na comarca e pon en valor este tipo de formación orientada a cubrir as demandas reais de Ferrolterra

Os participantes completaron a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local

Fene (A Coruña), 8 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada dos alcaldes de Fene, Juventino Trigo, e Cabanas, Fernando Couce, clausurou esta mañá o obradoiro Inicia VII, un programa para mozas e mozos en situación de desemprego, incluído no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiou con 435.563 euros.

Na súa intervención a delegada territorial puxo en valor este tipo de accións formativas que “permiten mellorar a empregabilidade das persoas participantes, facilitando a súa inserción no mercado laboral a través da combinación da formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 12 meses”.

Aneiros tamén destacou a importancia da colaboración entre administracións, neste caso Concellos, como a vía máis fácil para “optar a axudas e programas autonómicos que repercutan positivamente nos seus veciños” e puxo unha vez máis de manifesto o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego en Ferrolterra a través deste tipo de accións formativas orientadas a cubrir as demandas reais do entorno.

Un total de 11 alumnos, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, culminaron estes días a formación no obradoiro de Garantía Xuvenil Inicia VII, promovido polos concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos.

O programa impartiuse na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial e os participantes completaron a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver nos municipios participantes, como a substitución e colocación de varandas en Fene ou en Ares, ou a execución de recintos para contedores no concello de Mugardos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2024