Medio Rural promociona a calidade dos produtos hortofroitícolas galegos na XVI Feira Fruit Attraction de Madrid
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, apoia a presenza institucional de Galicia neste certame de referencia internacional, no que a Xunta acolle tamén oito empresas e entidades do sector da nosa comunidade
O representante da Consellería salientou o alto nivel das producións de Galicia e reafirmou o compromiso do Goberno galego con este sector, mediante iniciativas como o Plan Estratéxico da Horta 2023-2030
Nesta edición da feira madrileña, que conta con máis de 2.000 expositores de 56 países repartidos en 10 pavillóns, agárdase a asistencia de arredor de 100.000 visitantes
Madrid, 8 de outubro de 2024
Galicia está presente na XVI edición de Fruit Attraction, Feira internacional do sector de froitas e hortalizas que se celebra dende hoxe e ata o xoves día 10 no recinto de Ifema, en Madrid. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, ten un espazo de 128 m2 no pavillón número 7 que, ademais de contar coa presenza institucional, acolle tamén oito empresas e entidades do sector da nosa comunidade.
Así, no certame están representados baixo o paraugas da Xunta os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP) Castaña e Pataca de Galicia, así como as empresas Naiciña - Miguel Areán; Hortoverín S.L.; Sementares; Legufrut agro, S.L.; Horsal s. coop. galega e Hortícolas Galegas.
O director da devandita Axencia, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración deste evento e apoiou coa súa presenza a promoción dos produtos hortifroitícolas galegos. O acto inaugural contou tamén coa presenza do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, que ademais visitou o espazo de Galicia neste certame.
No contexto desta feira, Martín Alemparte salientou o alto nivel das producións da nosa comunidade e reafirmou o compromiso de Medio Rural con este sector, mediante iniciativas como o Plan Estratéxico da Horta de Galicia 2023-2030. Este documento constitúe a folla de ruta para reforzar a posición da nosa comunidade como referente da produción hortícola de calidade. Así, aposta pola sustentabilidade, a diversidade, o respecto polo medio ambiente, a innovación e a profesionalidade como pancas para ofrecer ao mercado produtos frescos e transformados saudables.
Fruit Attraction
Con máis de 2.000 expositores de 56 países repartidos en 10 pavillóns, Fruit Attraction convértese cada ano no marco mundial de referencia da comercialización de produtos frescos. Nesta décimo sexta edición agárdase a asistencia de arredor de 100.000 visitantes. Como novidade este ano, a organización do certame potencia a área de Innova&Tech, dedicada á investigación e desenvolvemento de técnicas e produtos innovadores no eido da horta e a froita.