María José Gómez salienta o papel do monte galego como fonte de riqueza e de oportunidades para o rural

A conselleira do Medio Rural clausurou hoxe o I Encuentro Forestal del Noroeste, no que puxo en valor a importancia do sector forestal dentro da economía galega

Afirmou que se está a traballar co obxectivo de ter montes mellor coidados, máis produtivos e máis preparados para os retos do futuro

Puxo en valor a xestión conxunta e a importancia das agrupacións forestais para organizar mellor os aproveitamentos, favorecer a rendibilidade e actuar de maneira coordinada, incluso fronte ás pragas e enfermidades

Ribadeo (Lugo), 16 de outubro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe o papel do monte galego como fonte de riqueza e de oportunidades para o rural na nosa comunidade. Fíxoo na clausura do I Encuentro Forestal del Noroeste, que tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias, situado no concello de Ribadeo.

Durante o acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, quen previamente participou nunha mesa redonda; destacou as similitudes que comparten Galicia e Asturias tanto nas paisaxes como na cultura e na maneira de entender o territorio. Neste sentido, afirmou que ambas comunidades recoñecen a riqueza que ten o monte e o que pode achegar ao rural.

A conselleira tamén fixo fincapé na importancia de contar con espazos coma este nos que se reúnen propietarios, empresas, profesionais e estudantes para compartir experiencias, coñecer o que se está a facer dentro do sector e buscar novas oportunidades. Deste xeito, asegurou que hai moito polo que avanzar e salientou que o eido forestal é fundamental para a economía galega, xa que a cadea forestal-madeira reúne a máis de 3.300 empresas, factura case 2.500 millóns de euros ao ano e representa arredor do 1,7 % do PIB de Galicia.

Así, Gómez sinalou que se está a traballar co obxectivo de ter montes mellor coidados, máis produtivos e máis preparados para os retos do futuro. Ademais, puxo en valor a xestión conxunta e a importancia das agrupacións forestais para organizar mellor os aproveitamentos, favorecer a rendibilidade e actuar de maneira coordinada, incluso fronte ás pragas e enfermidades. Actualmente hai 58 agrupacións inscritas e a conselleira animou aos interesados a sumarse a esta iniciativa.

Importancia da formación

A conselleira, aproveitando que este encontro se desenvolveu nun dos centros formativos dependentes da súa consellería, salientou o traballo que se realiza nestes espazos forma a profesionais co obxectivo de preparar ao sector para o futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026