Medio Rural destaca a Artesanía Alimentaria como ferramenta para xerar valor engadido e novas oportunidades no rural

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na apertura da xornada Transformar para xerar valor, organizada pola Fundación RIA co apoio de Casa Grande de Xanceda

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, participou hoxe na apertura da xornada Transformar para xerar valor, celebrada na Casa RIA, onde destacou o papel da Artesanía Alimentaria de Galicia como ferramenta para diferenciar as pequenas producións agroalimentarias, incrementar o seu valor engadido e xerar novas oportunidades económicas no rural.

Durante a súa intervención, Alemparte salientou que “a Artesanía Alimentaria non pode ser simplemente un selo ou un reclamo comercial, senón un compromiso coa excelencia, coa calidade, coa singularidade e co bo facer dos nosos artesáns”. Neste sentido, incidiu na importancia de acompañar os produtores para mellorar a súa diferenciación, reforzar o recoñecemento dos seus produtos e facilitar o acceso aos mercados.

Así mesmo, defendeu que o reto non é conseguir que as pequenas producións deixen de ser pequenas, senón aumentar o seu valor para facelas viables e garantir o seu futuro, contribuíndo á xeración de renda e ao mantemento da actividade económica no territorio.

A xornada, enmarcada no ciclo O pequeno é grande, contou cunha mesa de conversa con representantes de Sacrapastas, Xearte, Ánades Galicia, Cien Porcel, A Morena e Sidra Rabiosa, na que se abordaron os retos da transformación, a comercialización e a creación de valor sen perder a singularidade das elaboracións artesanais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026