A Xunta reforza o seu compromiso cos mercados e prazas de abastos con medidas específicas para o seu impulso no futuro Plan estratéxico de comercio
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou a Praza de Abastos de Chantada no marco do proceso de escoita activa aberto polo Goberno galego para potenciar a competitividade de todo o sector
A planificación, que abrangue ata 2030, abordará a transformación dixital, innovación e modernización do tecido comercial, con foco nos mercados e prazas de abastos
Nesta liña, trabállase en iniciativas como o impulso da rede de Mercados excelentes ou a posta en marcha do selo Menú do mercado para promover accións cruzadas cos restaurantes da contorna
Chantada (Lugo), 11 de outubro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou a Praza de Abastos de Chantada co gallo de seguir avanzando no proceso de escoita activa aberto actualmente con todo o sector para elaborar o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
O conselleiro resaltou que para o Executivo galego é unha prioridade abordar o futuro do comercio dan man de todos os axentes implicados -entre eles, tamén, os praceiros e praceiras- co obxectivo de recoller as súas achegas para abordar o futuro con garantías, algo imprescindible para poder afianzar un tecido comercial sólido, renovado e adaptado aos novos tempos.
Nesta liña, José González remarcou o importante papel que xogan os mercados e prazas de abastos -mais dun cento en toda Galicia- como o mellor escaparate do produto galego de calidade, cun gran vencello á contorna na que se integran, así como polo seu rol dinamizador na vitalidade e vertebración do territorio. Ademais, salientou que o comercio de proximidade é unha opción responsable, con baixa pegada de carbono, sustentable e respectuosa co medio, que posibilita o mantemento da cadea de valor dos produtores locais, incidindo así tamén na xeración de riqueza e emprego.
Mercados excelentes
Entre as áreas nas que está a traballar a Xunta de cara ao futuro Plan Estratéxico de Comercio, figura a mellora e o impulso das prazas de abastos e a súa certificación co selo de Mercados excelentes, na liña da convocatoria por preto de 1,3 millóns de euros que está a piques de resolverse para fomentar unha rede de mercados galegos con este selo de excelencia, e que nesta edición, precisamente, duplicou o número de concellos solicitantes.
Ademais, tendo en conta as novas tendencias de consumo -nas que cada vez se valoran máis as experiencias gastronómicas diferenciais e innovadoras- e que moitos restaurantes adoitan mercar os seus produtos nos mercados e prazas de abastos, pola súa proximidade e calidade, están a artellarse tamén posibles accións cruzadas, como por exemplo o selo Menú de mercado para facer campañas promocionais e levar os clientes dos mercados aos restaurantes, e viceversa.
A futura planificación tamén abordará, entre outras medidas, o impulso aos centros comerciais abertos para incrementar a súa fidelización ou o pulo á comercialización do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia.