A Xunta avalía coa Asociación Forestal de Galicia a positiva incidencia das axudas da consellería do Medio Rural neste sector

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse este mediodía con representantes da Asociación Forestal de Galicia (AFG)

Ademais, na xuntanza tratáronse asuntos relacionados cos instrumentos de ordenación forestal, os convenios coas comunidades de montes veciñais, o uso social e recreativo dos montes privados ou os contratos temporais de xestión pública

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse este mediodía con representantes da Asociación Forestal de Galicia (AFG), concretamente co seu director, Xosé Covelo, e co responsable económico da entidade, Daniel Rodríguez. Na xuntanza, na que tamén participaron técnicos da Dirección Xeral, avaliouse, entre outros asuntos, a positiva incidencia no sector forestal galego das últimas ordes de axudas xestionadas pola Consellería do Medio Rural.

De maneira especial, puxéronse en valor as subvencións para fomentar a constitución de agrupacións forestais de xestión conxunta, cuxa resolución se publicou hai uns días no Diario Oficial de Galicia e que van permitir a creación de 20 novas entidades deste tipo cun investimento por parte da Xunta de máis de 775.000 euros.

Outros temas abordados neste encontro entre o director xeral e os directivos da AFG foron os relacionados cos instrumentos de ordenación forestal, os convenios coas comunidades de montes veciñais en man común, o uso social e recreativo dos montes privados ou os contratos temporais de xestión pública.

A Consellería do Medio Rural e a Asociación Forestal de Galicia manteñen diferentes vías de colaboración nestas e outras materias de interese para o sector e esta reunión veu reforzar ese labor conxunto a prol da ordenación e planificación dun monte galego diverso e sustentable, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2024