A Xunta subliña o seu compromiso coa industria das augas minerais, un sector en continuo crecemento en Galicia
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asistiu hoxe ao peche do curso Aspectos fundamentais da industria das augas minerais
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou hoxe o compromiso da Xunta coa industria das augas minerais, un sector en continuo crecemento en Galicia, e que no 2024 xa medrou un 3% con respecto ao exercicio anterior.
Fernández Vila, asistiu ao peche do curso Aspectos fundamentais da industria das augas minerais onde se abordou este sector desde diversos ángulos como os aspectos normativos, a hidroloxía, a calidade e seguridade alimentaria, ou a saúde e o medio ambiente.
Durante a súa intervención, o director xeral explicou que as augas minerais son un recurso mineiro e un “dos mellores recursos que temos en Galicia”, dixo. Neste sentido, sinalou que a minería é un sector fundamental da economía galega e que a Comunidade representa o 8,2% da produción mineira de España. E ademais, “tamén somos unha potencia en balnearios e instalacións de auga embotellada”, subliñou.
Finalmente, Pablo Fernández Vila enmarcou este compromiso co sector na Lei de Recursos Naturais que se aprobará a vindeira semana no Parlamento de Galicia e que conforma un instrumento máis para apoiar ás empresas que “xeran riqueza no territorio galego” e que fomentan a internacionalización.