A Xunta destaca a aposta da empresa Delicias Coruña por incrementar a súa capacidade produtiva

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá esta fábrica de elaboración de empanadas, empanadillas, pan galego e tortas localizada nas Pontes que percibiu unha achega autonómica para a adquisición de nova maquinaria

As Pontes (A Coruña), 21 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a empresa Delicias Coruña onde destacou a aposta desta compañía dedicada á elaboración de produtos panificables por incrementar a capacidade produtiva da fábrica que ten localizada no municipio das Pontes.

A empresa percibiu unha achega autonómica da Consellería de Economía e Industria para o financiamento de proxectos produtivos de preto de 166.000 euros. Unha axuda que destinou á adquisición de maquinaria para o enchido automático de fariñadores, que ata o momento se facía de forma manual, e un sistema completo de paletizado automático. Estímase que co investimento realizado a produción de empanadas alcanzará ás 27.200 unidades anuais e a de tortas incrementarase en 60.000, ata alcanzar as 160.000 tartas elaboradas ao ano.

A delegada territorial lembrou que o obxectivo desta liña de axudas é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de dinamizar a actividade económica e potenciar o mantemento e a creación de emprego, así como a innovación, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes e coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Aneiros lembrou que desde a Oficina Económica de Galicia, comandada desde el Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acompáñase ás empresas en calquera tipo de consulta ou apoio que precisen por parte da Xunta de Galicia. “Serve pois como instrumento para facilitar a relación entre a Administración e as empresas e seguir avanzando na liña de desburocratización que vén impulsado o Goberno Galego”, destacou.

Desde a súa posta en marcha o pasado mes de abril, este novo servizo autonómico leva resoltas máis de 8.000 consultas, das que o 79% son atendidas no momento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2024