A Xunta subliña o seu apoio ao sector da automoción e reclama ao Goberno central que mellore a xestión dos PERTEs
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, participa no ciclo As cidades do século XXI en Madrid, no que se analiza o presente e o futuro da industria da automoción e salienta os apoios do Goberno galego para facer fronte ao proceso de electrificación
Madrid, 23 de outubro de 2024
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez subliñou esta mañá o apoio da Xunta ao sector da automoción e volveu reclamar ao Goberno de España que mellore a xestión dos fondos europeos para que cheguen a todas as empresas que conforman a cadea de valor. Así o sinalou durante a súa participación no ciclo As cidades do século XXI en Madrid, no que se analiza o presente e o futuro da industria da automoción en España.
Nicolás Vázquez advertiu da difícil situación que atravesa un sector que na Comunidade galega da emprego a 25.000 persoas e que está a afrontar un complexo proceso de transformación para a súa electrificación. Tamén se referiu ás dificultades de competir nun mercado globalizado con países que teñen normativas totalmente diferentes.
Neste contexto, o secretario xeral de Industria puxo en valor as medidas levadas a cabo polo Goberno galego para apoiar unha industria que representa o 16% do PIB galego, que está formado por mais de 200 empresas e que foi declarada estratéxica o pasado mes de febreiro. Así, explicou que a Administración galega xa presentou o borrador do Plan director do sector, un documento elaborado en colaboración coas organizacións empresariais, clústeres e sindicatos que “será fundamental para facer fronte aos retos de futuro”. Unha iniciativa que se suma ás liñas de axudas por importe de 22M€ ou aos plans para renovar o parque móbil.
Finalmente Nicolás Vázquez censurou que o Goberno central non tivera en conta ás Comunidades autónomas no deseño e xestión dos PERTEs, tal e como reclamou Galicia desde o primeiro momento, co fin de que tivesen un verdadeiro impacto no sector.