A Xunta destaca o papel fundamental do sector do granito para o desenvolvemento económico e sustentable de Galicia
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou no encontro Accións de promoción para o sector da pedra natural no 2025: a visión da Xunta
O Porriño, 24 de outubro de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe o papel fundamental que ten o sector da minería, e en concreto do granito e da lousa, para o progreso de Galicia en termos de desenvolvemento económico, innovación e sustentabilidade.
Fernández Vila participou no encontro Accións de promoción para o sector da pedra natural no 2025: a visión da Xunta, onde subliñou que Galicia é unha comunidade líder en España en pedra natural, de xeito especial, en granito e lousa. “Esta posición debe brindarnos unha vantaxe competitiva que debemos aproveitar nos mercados internacionais”, dixo.
Neste sentido, subliñou que mostra desta importancia, é que o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para 2025, que acaba de entrar no Parlamento galego xunto co proxecto de Orzamentos do vindeiro ano, reforza a figura do Consello da Minería de Galicia que contará coa participación dun representante do sector do granito.
Durante o encontro analizáronse aspectos relacionados co sector do granito como a competencia de materiais artificiais; o contexto económico que afecta aos custes de produción; ou a necesidade de promover accións que sitúen ao granito galego nos mercados internacionais coma unha opción contemporánea, sustentable, de deseño e de baixo mantemento.